Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASUNCIÓN ANTELO, ARTISTA

"Só quería deixar un recordo do meu paso polo mundo"

Aos seus 89 anos e coñecida como a Rexubeira de Bergantiños, Asunción Antelo, creou o seu propio museo e escribiu dous libros.

Isabel G. Couso - 09:00 14/07/2008

Allea aos circuítos culturais máis clásicos e alonxada do epicentro da creación literaria e artística, nunha aldea de Coristanco, vive Asunción Antelo, unha artista, unha creadora, que conquista tan só coa mirada. Ten un ollar limpo, mediado polos amplos e densos cristais duns lentes que acomoda no seu xesto para lernos unha das súas composicións: 'Bergantiños, boa terra,fermosa como un rosal, nela naceu Alfredo Brañas e Eduardo Pondal (...)'

De Pondal, de Alexandre Bóveda, Castelao ou Rosalía falan algunhas das súas composicións, uns personaxes -di- que coñeceu 'máis que nada, polos xornais'. Iso si, aos seus 89 anos demostra unha afección envexable á lectura, gústalle ler á autora de 'Cantares Gallegos', a quen leva no seu chaveiro, tamén a Neira Vilas e a un bo número de autores que engrosan o seu armario no que "xa non collen máis". O tempo respectou a afección de Asunción, quen agradece estar tan ben da vista, malia que fose perdendo o oído.

O interese pola lectura, sen embargo, chegoulle tarde. Ou máis ben veuse interrompido polas obrigas, que foron moitas, nunha vida chea de traballos, os da labranza, os da casa, os dunha muller única entre irmáns. E precisamente a marcha dos homes para a guerra fixo que se afeccionase á escritura, polas misivas que lle enviaba a seus irmáns ao fronte, o que fixo que se practicase nunha disciplina que aprendera naqueles tres meses de inverno que podía ir a escola. Agora ten mellores cousas das que escribir, de Bergantiños, das cousas que pasaban antes na parroquia, dos costumes que se foron perdendo... E xa leva dous libros, un de poesía e unha novela.

'A terriña nin a deixei nin a deixaría nunca'
Asunción Antelo é, ante todo, unha artista, pero unha artista apegada á terra. Na aldea de Segufe, parroquia de Seavia (Coristanco), é coñecida por todos e calquera veciño está disposto a amosar ao visitante onde queda o seu museo. Querida por todos e alcumada como "a rexubeira de Bergantiños", Asunción devolve o cariño coa súa obra e coas súas palabras: 'á terra eu sempre lle quixen, á terra e a súa xente, que foi onde eu me criei.

En 1971 decidiu abrir o seu museo, ante todo porque 'fillos non tiven, e acordoume facer algo para que se saiba que pasei por este mundo'. Non cabe dúbida que o conseguiu, xa que a súa casa recibe as visitas de moitos curiosos que a felicitan polo seu traballo, cousa que non entende porque, segundo di, 'estas cousas fainas calquera, non ten dificultade ningunha'. Alí podemos atopar tallas de madeira, figuras feitas con raíces de árbores, bancos, reloxos, retratos escultóricos, maquetas de pedra de muíños de auga... unha ecléctica mostra dun quefacer ao que -di- non a ensinou ninguén. Mesmo chegou a vender algunhas das súas obras, mais agora di que 'non quere ser egoísta dos cartos e non quere quedar sen as cousas', polo que decidiu non vender máis.

Asunción lamenta non ter tido máis posibilidades de estudar, xa que agora 'o que non aprende é porque non quere' e decidiu deixar xa de esculpir tallas e de escribir. Primeiro porque xa non ten sitio onde meter máis obras e, segundo, porque xa cumpriu o seu soño: 'eu xa non quero facer máis nada, unicamente o meu testamento', di con retranca, 'eu xa deixo o meu recordo'.


4,82/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Rexoubeira de Bergantiños fálanos da súa vida e recítanos un poema seu

A Rexoubeira de Bergantiños no seu museo
A Rexoubeira de Bergantiños no seu museo