Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FITO HISTÓRICO

A feminina de futsal será o primeiro combinado galego en xogar un Mundial

O encontro presentarase esta cuarta feira en Compostela. O primeiro partido xógano contra Rusia o vindeiro 29 de setembro nunha competición oficial da Asociación Mundial.

Redacción - 17:30 08/07/2008

A irmandiña do futsal feminino vai xogar (e debutar) entre o 29 de setembro e o 5 de outubro no Mundial de Fútbol Sala Feminino que este ano se desenvolve en Reus (Cataluña) e que organiza a Asociación Mundial de Fútbol Sala (AMF).

No Campionato do Mundo, ademais de Galiza, xogan un total de 11 países: Rusia, Brasil, Venezuela, Eslovaquia, Arxentina, Paraguai, Italia, Australia, Cataluña, a República Checa e Colombia.

O primeiro partido das mozas galegas será a segunda feira 19 de setembro ás 15:30 horas, contra Rusia.

A presentación da irmandiña do futsal

Chegou, á fin, a quenda das mozas. Despois de crear a selección masculina, que debutou (e goleou) contra Uruguai o pasado 29 de febreiro, quedaba unha débeda pendente coas mulleres do fútbol sala galego.

Agora chegou o momento: esta cuarta feira a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, o presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Luís Pena e o seleccionador (do que aínda non sabemos o nome) e algunhas xogadoras han presentar o novo equipo. Será ao mediodía no Estadio de San Lázaro, en Compostela.

Unha competición oficial, ás costas da FIFA

Cómpre sinalar que a competición está organizada de costas á FIFA, que hai anos tomou o control do negocio do fútbol sala internacional e organiza o seu propio Mundial.

A comezos dos oitenta, estando activa a FIFUSA (a Federación Internacional de Fútbol Sala) a FIFA usou toda a súa influencia para asumir o control deste deporte e tentou negociar unha fusión coa entidade, pero os acordos fracasaron. Finalmente, en 1989, a Confederação Brasileira de Futebol de Salão marchou do seo da FIFUSA para se integrar na FIFA, o que fortaleceu a entidade presidida, naquela altura, polo brasileiro João Havelange. Enfraquecida, a FIFUSA acabou por se extinguir, mais dos seus restos naceu, en 2002, a que hoxe se coñece como AMF (Asociación Mundial de Futsal).

A AMF conta con 31 afiliados e tres organismos continentais: a Unión Europea de Fútbol Sala (UEFS), a Confederación Sudamericana de Futsal (CSFS) e a Confederación Panamericana de Fútbol Sala (CPFS). Cada catro anos, a AMF organiza o Mundial de futsal (comezou a organizalo en 2003 e o último foi en 2007 na Arxentina). Este ano o Mundial Feminino xógase en Cataluña.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: