O director deportivo do equipo díxolles aos seus corredores que o traballo que fagan a partir de agora é o que vai valer para escoller os que participen na rolda estatal.
O Karpin Galicia comezou os adestramentos colectivos (aos que convidaron a varios corredores da canteira galega, para saber dos seus progresos e pensar, se cadra, en novas fichaxes) e puxo os contadores a cero, de cara á segunda parte da tempada, que case comezou.
Os ciclistas xuntáronse en Samil (Vigo) e, antes xusto de comezar a sesión, o seu director deportivo, Álvaro Pino, lembroulles que aínda non está nada decidido para a rolda estatal: "Quero que saibades que neste momento non hai ninguén fixo para a 'Vuelta a España'. Que a corrades ou non vai depender do traballo que realicedes a partir de agora", foron as palabras de Pino.
Na sesión tamén estaban presentes os outros dous directores deportivos do KGZ, Xesús Blanco Villar e Xosé Ánxel Vidal, mais non estaban os ciclistas Ezequiel Mosquera (que adestra aos poucos e en solitario, debido á fractura que sufriu na 'Volta a Cataluña'), Xesús Cobelo (que está fóra da Galiza) e Delio Fernández (que está doente). O resto do equipo seguiu a prepararse para seguir co calendario programado para o queda de tempada.
A 'Vuelta' é importante, pero non é o único obxectivo
Os cinco triunfos conseguidos ata o de agora na tempada polo Karpin Galicia -tres deles en voltas por etapas e dous en carreiras Pro Tour- proporcionan certa tranquilidade pero en ningún caso conformismo. Álvaro Pino tamén sinalou que a ‘Vuelta a España' é o obxectivo máis importante, pero non o único: "Hai 18 corredores no cadro do equipo, e 9 han correr a ‘Volta' e outros nove ficarán fóra, pero estes tamén terán que dar o seu mellor nivel naquel outras probas do calendario nas que participen".
Os amadores fan parte do adestramento
Neste primeiro adestramento participaron dez corredores do pelotón Elite e Sub 23 galego, que foron convidados (conforme ao acordo do KGZ coa Federación Galega de Ciclismo) para saber dos seus progresos, pensando xa nunha posíbel incorporación de ciclistas da canteira ao equipo.
O primeiro adestramento foi tranquilo, sobre todo porque os amadores viñan de participar nos Campionatos Galegos. A sesión foi de tres horas, cun único punto de montaña no percorrido: Vigo, A Guarda, Tui, San Antoniño, Gondomar e de volta a Vigo.