A dinamizadora da Sociedade da Información convoca un certame para promover a escritura de bitácoras no concello.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Ordes convocou o seu primeiro concurso de blogs, que conta co apoio do Centro Comarcal e mais do Concello. O certame está dirixido a persoas que residan no termo municipal e que creasen a bitácora a partir do mes de marzo de 2008.
Segundo se explica no blog da dinamizadora, a actividade pretende promover o uso dos blogs como medio de comunicación, dalos a coñecer e facer os ordenses partícipes da Sociedade da Información.
O prazo de inscrición está aberto até o 21 de xullo, e o blog gañador coñecerase o día 29. Dúas xornadas despois, celebrarase a entrega do premio, que estará tamén relacionado coas novas tecnoloxías.