Xa se implantaron o ano pasado, mais agora pasan tamén a centros de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos.
O baloncesto ofértase en centros de Pontevedra e A Coruña / Flickr: grdloizaga
A pasada semana publicáronse no DOG (Diario Oficial de Galicia) as novas modalidades de ensinanzas deportivas de grao medio e superior autorizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o próximo curso 2008-2009.
Deste xeito, o IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa impartirá a especialidade de baloncesto; o IES Río Cabe de Monforte de Lemos, fútbol, e o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, balonmán.
As ensinanzas deportivas puxéronse en marcha, por primeira vez, no curso 2007-2008 en cinco centros públicos galegos, nas modalidades de fútbol, fútbol sala, baloncesto, e atletismo. Até daquela só se impartían as modalidades de fútbol e fútbol sala en centros privados. Así, o IES Cruceiro Baleares de Culleredo imparte fútbol, ao igual que o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, que agora pasará a ofertar tamén balonmán. Ademais, o IES As Lagoas de Ourense ofrece a modalidade de fútbol sala; o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, baloncesto, e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, atletismo.
As ensinanzas deportivas
As ensinanzas deportivas teñen como finalidade preparar ao alumno para a actividade profesional en relación cunha modalidade ou especialidade deportiva, así como facilitar a súa adaptación á evolución do mundo laboral deportivo e á cidadanía activa.
O prazo para a inscrición estará aberto até o vindeiro 9 de setembro. As solicitudes poderán presentarse na secretaría do centro no que se imparta a correspondente modalidade deportiva.