A Consellaría presentou varios proxectos de mellora das instalacións da Acea da Ama, en Culleredo, aos que destinou un investimento de case un millón de euros.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou esta segunda feira varios proxectos de mellora das instalacións deportivas de Acea da Ama, en Culleredo. No proxecto contémplase o arranxo do campo de béisbol, a reforma integral do campo de fútbol e a construción dun circuíto de Four Cross (bicicleta todo terreo), que solicitara a deportista oleirense Eva Castro.
O mellor circuíto de Four Cross do Estado
Unha das actuacións previstas no parque da Acea da Ma, (que han custar, en total, case un millón de euros, segundo explicou Bugallo) é a construción dun circuíto de Four Cross (bicicleta de montaña). Este proxecto está a piques de ser ultimado, en colaboración estreita coa deportista Eva Castro, que foi quen fixo a solicitude das instalacións á Dirección Xeral para o Deporte. Este vai ser un circuíto homologado, no que se poderán disputar probas da Copa do Mundo e que a propia Eva cualificou como única no Estado: "Non hai unha instalación como esta en todo o Estado, polo que Culleredo será un punto de referencia".
Ademais, Eva explicou que "pretendemos crear unha escola porque así poderemos achegar este deporte, que non é tan coñecido, ás e aos máis pequenos". O orzamento desta instalación roldará os 200 mil euros e a intención é iniciar as obras antes de finais do presente ano. O circuíto vai situado na zona menos utilizada do parque, pegada á autovía, para así aproveitar ao máximo o espazo.
Ademais, en poucos días vanse iniciar as as obras de cambio de pavimento do campo de fútbol por herba artificial, e tamén se arranxará o campo de béisbol.