González renovou título na contrarreloxo. Tamén gañaron Estévez e Macía. En Descenso destacaron Ferreiro, Daniel Álvarez, Verdía, Varela, Ainhoa e Francisco Fontán e Muñoz.
Jesús González (campión galego de fondo Elite) con David García, do KGZ
Esta fin de semana disputouse o Campionato Galego de CRI para Júnior, Sub 23 e Elite; ao tempo, desenvolvíanse os Campionatos de Descenso.
Os primeiros foron en Lestedo (a carón de Compostela), co Pico Sacro como maior dificultade para os participantes.
O pontevedrés Xesús González renovou o título na categoría Elite. González Estivo escoltado no podio polo seu compañeiro José A. Cerezo e o coruñés Héctor Espasandín (Caja Rural).
Nos Sub 23, o guardés Asier Estévez (Spol-Caixanova) reeditou o seu éxito do día anterior en Padrón, e fixo dobrete ao acadar o título de fondo e de contrarreloxo individual. No podio estivo acompañado polo coruñés Carlos Bruquetas (Cueva El Soplao) e o cangués Óscar García (Cambre-Frisonoble). Nos Júnior gañou o santiagués Pedro Macía (Muebles Compostela).
O Campionato Galego de Descenso
A AD A Picaraña foi a encargada da organización dos Campionatos de Galiza de Descenso, nos que participaron 72 ciclistas.
O júnior Toni Ferreiro (Grupo Riotorto) foi o mellor da competición, proclamándose campión galego da súa categoría. Por detrás entraron Francisco Vilaboa (Massi-RP3) e Diego Álvarez (O Con).
Na proba Elite, Daniel Álvarez (O Con) foi o mellor, seguido de José Montenegro (O Con) e Diego F. Álvarez (Massi-RP3).
Javier Varela (BiciVerde) é o novo campión dos Sub 23, ao entrar só 2 segundos por diante de Luis Miguel Carballo (BTT Ponteareas-Carballido Sport) e Borja Añón (Cambre-Frisonoble).
O larachés José M. Verdía (O Con) cumpliu os prognósticos e proclamouse campión da categoría de Máster 30. Segundo foi Miguel Angel Pintos (Bike ou non Vai) e Marcos Valbiuena (Val de Ulló). Na Máster 40 venceu Manuel Muñoz (Vai a Pedal), seguido de Manuel Gómez (Bici Verde) e José Juan Alonso (O Con).
Nos cadetes, Francisco Fontán (Moto Bike) proclamouse campión, seguido de Alejandro Caamaño (Orange) e Carlos Núñez (Bike ou non Vai).
Pola súa banda, a vilaboesa Ainhoa Fontán (Moto Bike) fixo bos os prognósticos e proclamouse campioa galega.