É, cando menos, a segunda vez que a consellaría anuncia este proxecto. As obras poderían comezar no segundo semestre deste ano.
Un 200 mamíferos mariños vararon nas nosas costas en 2007
A Xunta construirá en Baiona (Vigo) un centro de recuperación de mamíferos mariños onde se ha prestar asistencia clínica aos animais que o precisen, para recuperalos e devolvelos logo ao mar. É, cando menos, a segunda vez que a Consellaría de Medio Ambiente anuncia esta actuación. O 10 de novembro de 2006, o conselleiro Manuel Vázquez comprometeu 436 mil euros para a súa construción.
O proxecto actual, cofinanciado polos departamentos do Ambiente galego e español e aprobado no último Consello da Xunta, xa está concluído, sinalaron fontes da consellaría. Xa que logo, din, as obras poderían dar comezo no segundo semestre do ano, e de se cumpriren os prazos, finalizar 18 meses máis tarde.
As instalacións, situadas en Baredo, ocuparán unha superficie de 1.000 metros cadrados dos que 400 serán piscinas para os animais. O centro, ao igual que nos de recuperación de fauna salvaxe, contará cun equipo de técnicos, biólogos e veterinarios, apoiados por persoal da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA).
A Xunta pretende que estas instalacións sexan un centro de referencia. As únicas instalacións do país que podían realizar un labor similar, mais non específico, son os acuarios do Grove e da Coruña. Tamén o CEMMA colabora aquí nos traballos de recuperación, principalmente de cetáceos, focas e tartarugas mariñas. En 2007, uns 200 exemplares quedaron varados nas costas do noso país.