Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTA DA NARRACIÓN ORAL DE GALIZA

Contra a perda da narración tradicional

Preto dunha quincena de novos contadores anímanse a contar os seus sucedidos no concello do Pino.

Redacción - 10:14 05/07/2008
Nenos escoitando un conto

Nenos escoitando un conto

O espazo tradicional da narración estase a perder. Os espazos de comunicación propios do noso pasado, como o muíño ou o río, contorno no que se falaba de case todo, deixaron agora paso a unhas novas vidas nas que a narración verbal non é tan fundamental. Así o ve Manuel González, un dos organizadores da Festa da Narración Oral de Galiza. O obxectivo que se marca esta segunda edición, que se celebra este sábado, é o de amosar a importancia da nosa tradición oral, para non deixala esmorecer.

Agora conto eu, despois contas ti
Por iso un dos propósitos desta festa é o de animar a cantos máis contadores mellor, a que se atrevan a trasladarnos os seus sucedidos coa ferramenta máis ancestral: a palabra. Até o de agora xa son uns quince os que se sumaron a esta proposta, e que participarán da festa, xa pola noite, nos bares de Arca. Porén, aquel que teña algo que contar, pode anotarse para facelo até última hora. O éxito está garantido, despois dos resultados do ano pasado. Naquela edición, participara Eva Varela, contadora local, que hoxe é xa unha profesional máis no cartel.

Manuel González é optimista co futuro da narración oral, "despois de todo -di- facemos as cousas para contalas", e amósase satisfeito desta edición do certame porque "do que se trata é de devolverlle á narración oral o lugar que merece".

Pero o evento conta ademais con outras actividades: a oralidade e o seu protagonismo nas aulas centran conferencias e obradoiros, que están a cargo de Antón Cortizas (mestre e escritor), Montserrat Rivera (compoñente do grupo de música Leilía), Paula Carballeira (actriz e escritora) e Bieito Iglesias (escritor). A esta iniciativa sumáronse uns 80 participantes. Mais os contacontos cobran importancia no acto central da Festa, con narradores como Quico Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira ou Róber Bodegas.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: