A vila acollerá, os días 11, 12 e 13 deste mes o Campionato Estatal de Raid de Aventura. Hai dúas probas: na máis dura percórrense 220 km, e na menos esixente, 150.
Escudo do Clube Gallaecia Raid
Rappel, descenso de barrancos, tirolina, carreira a pé, tiro con arco, carreira de orientación, escalada, bicicleta, canoa, patín en liña e tamén unha carreira de orientación nocturna; todo isto será o que experimentarán os atletas que participen no Campionato Estatal de Raid de Aventura.
Na proba hai dúas modalidades diferenciadas. Unha primeira dirixida á elite, na que os participantes deben percorrer 220 quilómetros (os tres compoñentes de cada equipo deben estar continuamente en carreira); e outra máis enfocada cara a aventura, na que se percorren 150 quilómetros (e dentro do equipo participante, só dous están en carreira, mentres o outro queda como relevo de asistencia).
Esta edición do Raid quere renderlle homenaxe ao piragüista das Pontes, José Ramón Corral, que formaba parte do Club Gallaecia Raid, organizador deste campionato xunto coa Federación Española de Orientación, a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello das Pontes.