Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INVESTIGACIÓN DO MIT

Cortinas solares como fonte de enerxía doméstica

Unha técnica, aínda en fase experimental, permitirá no futuro crear tecidos fotovoltaicos.

Redacción - 12:15 03/07/2008

A arquitecta e profesora en prácticas do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) Sheila Kennedy aspira a ser a primeira en crear unhas cortinas solares. A súa meta é fabricar un material téxtil fotovoltaico que poida aproveitar a enerxía do sol ao tempo que protexe o interior das vivendas da súa luz.

Kennedy asegura, en declaracións a CNN en Londres, que a "enerxía branda" pode revolucionar o mundo das renovábeis. A súa empresa está a traballar cun material fotovoltaico delgado, co aspecto dunha tea. A súa combinación con baterías recargábeis, ocultas no bordo das cortinas, e con diodos emisores de luz poderían contribuír a que os fogares sexan un pouco máis autosuficientes a nivel enerxético. De feito, calcúlase que cubrindo o 10% dun tellado na cidade do Porto, as cortinas solares fornecerían até o 70% das necesidades enerxéticas diarias dun fogar medio.

"Dende o punto de vista técnico, o 'filme fino' pódese producir a grande escala", explica Kennedy, "do mesmo xeito que se pode imprimir e producir un xornal, rolo a rolo. Iso pode facelo moi accesíbel". Polo momento, a súa eficiencia é limitada, e moi inferior á da tecnoloxía solar baseada no vidro, pero Sheila Kennedy confía en que as cousas cambien.

"Agora mesmo estase a investigar en desenvolver filmes tan sensíbeis que permitan que a enerxía se siga a colleitar, mesmo pola noite".

A tecnoloxía que xa existe pódese visitar no museo do deseño Vitra, en Essen, Alemaña, nun prototipo de casa prefabricada chamada 'Soft House'. Os deseñadores están a tomar ideas desa vivenda para aplicalas nun proxecto de investigación para crear unha 'Soft City'.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: