A pasada fin de semana viviuse na Mariña o último golpe da billarda por terras galegas. Os de Mariñaos levaron o pobre animaliño. Velaquí unha crónica do acontecido.
Oito parroquias enfrontáronse este ano no Interparroquial billardeiro, un xa mítico torneo do circuíto da LNB que chegou este ano á súa terceira edición, regalando un año mouro ao equipo gañador.
Enfrontábanse, en dúas pistas e a un tempo: por un lado, os de Remourelle, os de Celeiro de Mariñaos, os de San Cosme e os do Val da Louriña (na Pista de Vilamar); e por outro, a selección AsturLiriu, a de Ribadeo, a de Xove e a AsturEo (na pista de Celeiro de Mariñaos).
Velaquí unha crónica, case completa (pasou polo medio a tesoira da censura) do acontecido, enviada pola Asociación O Varal que, sen querer comparar o levantamento dunha Copa de Europa un estadio de Viena con erguer un rebelde año mouro no Coliseum de Celeiro de Mariñaos (A Mariña), non ten desperdicio:
Primeiro encontro: Val da Louriña- Astur-Eo
Comezaban as billardas a asubiar e comezaba o año a suar. Esta podería ser unha das frases do xa referente poético que é Juan Pico (gurú da billarda) pero non: foi a realidade dun día máxico.
A Louriña chegaba intoxicada e abaneante, e os Astur-Eo aproveitáronse da falta de verticalidade en moitas das accións dos do sur. Isto pasaba no arranque da xornada na pista de Celeiro; mentres, en Vilamar, a outra sede, San Cosme caía ante Celeiro de Mariñaos, desfacendo o maleficio de anos pasados; e Remourelle, resentido polo jet lag, afociñaba, tamén, contra Celeiro e San Cosme. Por outro lado, unha reducida selección de Xove, formada por tan só catro palanadores que disputaban a dous as quendas, non era quen de poder vencer en ningún dos seus enfrontamentos neste considerado como "grupo da morte". Finalmente foi a parroquia de Celeiro de Mariñaos a disputar a gran final de pola tarde.
Na pista de Mariñaos a segunda enganchada da mañá era entre Ribadeo e AsturLiriu, mais os primeiros convertéronse, dende o comezo, nunha apisoadora, que posteriormente pasaría por riba do equipo Astur-Eo. Por outro lado, os do Eo tampouco o tiveron fácil fronte aos do Liriu, que foron a sorpresa deste Interparroquial'08, e forzaron a prórroga, deixando aos seus veciños no foxo. Pola tarde tamén deixaron fóra da final aos do Val da Louriña.
A superfinal do Interparroquial
Ás 17:00 horas, baixo un impresionante despregue policial para vixiar aos xa exaltados seareiros que abeberaban na Cantina-LNB, comezaban as finais. Celeiro de Mariñaos enfrontábase a Ribadeo e, aínda que esta última é a selección parroquial que ten máis campións nas súas fileiras, os de Celeiro contaban con Demelsa, Ginés, Cristian, Vítor (que foi escollido como mellor xogador do torneo) e Ismael, o Zidane da billarda, que puxo a doce guinda final da vitoria.
Para saber como foi todo, velaquí amosamos os documentos audiovisuais exclusivos, guindados polo Varal sobre o Interparroquial.