O rexedor saínte, Francisco Xosé Fernández, sinalou que "esta criatura é froito dun pacto antinatura".
O popular Luís Álvarez asumiu este luns a Alcaldía do municipio da Pobra de Trives logo de prosperar unha moción de censura promovida polos catro edís do PPdeG e máis dous concelleiros do PSdeG, que xa foron expulsados do partido.
A Casa Consistorial de Trives acolleu o pleno, duns 20 minutos de duración, presidido polo concelleiro popular Félix García. O primeiro en intervir foi o xa rexedor municipal, Luís Álvarez, que comprometeu e pediu un "cambio" político.
Ademais, Álvarez acusou o alcalde saínte, o independente Francisco Xosé Fernández, de "paralizar" a vida municipal e criticou que a situación política era "ingobernábel".
"Criatura concibida nun despacho"
Fernández, pola súa banda, sinalou que "esta criatura é froito dun pacto antinatura" que "non foi concibido nun laboratorio senón nun despacho", co único propósito de "sacar do goberno a quen con ilusión, traballo e esforzo" pretendía "acabar coa decadencia" de Trives.
O presidente do PPdeG en Ourense, Xosé Luís Baltar, destacou a "normalidade democrática" da sesión, e comparouna coa situación vivida en Calvos de Randín: "O que alí pasou non pasa nun país civilizado; parece dunha República Bananeira".