Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÍTICA SOCIAL

Suso de Toro presenta a súa percepción de Galiza nun novo libro

'Outra Galiza' é un compendio de artigos publicados polo autor nos últimos cinco anos.

Redacción - 19:40 30/06/2008
Suso de Toro

Suso de Toro

Un libro militante de quen non ten filiación política. Así define Suso de Toro o seu último libro, 'Outra Galiza', un volume que recolle o pensamento e reflexións que o autor foi achegando dende 2003 dende as páxinas de A Nosa Terra e de El País.

Nunha primeira parte e baixo o lema "O tempo aberto", aparecen os artigos publicados durante o goberno de Manuel Fraga. De Toro define esa etapa como "combate ideolóxico", que parte dende o desexo de cambio, nunha situación que parecía non ter saída. A segunda parte do volume ("Saíndo ao día") recolle as colaboracións publicadas dende o 2006 e aborda o período posterior ao cambio político.

Insatisfacción co cambio político
O escritor galego fala de alegría e sensación de liberdade, logo dos resultados dos comicios electorais. Iso si, uns sentimentos que mudaron en insatisfacción co paso dos meses. Para Suso de Toro houbo cambios importantes: "a Xunta gañou en xestión e en transparencia, reduciuse a corrupción, pero mantéñense políticas clientelares, a alianza dos medios de comunicación e a utilización dos cartos públicos para gañar votos.

Sobre o futuro, De Toro apunta á necesidade de repensar o autogoberno. Para as vindeiras eleccións augura unha reedición do bipartito e pide que se dote de máis contido político, e que se traballe na dirección da busca dun modelo de país. Do PSdeG di que non é en Galiza unha forza política autónoma e aínda é máis crítico co BNG. Asegura que neste momento non está dotado de contido político, senón perdido en vellas consignas, e que debería revisar a súa imaxe de Galiza como vítima e como terreo oprimido. Reivindica unha Galiza integrada en Europa e nunha España interpretada federalmente, e acusa ao nacionalismo de estar nun momento de moi baixas cotas intelectuais e políticas.


3,73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Suso de Toro fala do seu último libro

Suso de Toro na presentación do seu último libro
Suso de Toro na presentación do seu último libro