Media ducia de candidatos para a presidencia, que finalmente gañou Xosé Antonio Casais, co 42% dos apoios. Xesús García Calvo foi nomeado presidente de honor.
Acelerar o camiño cara a unha cooperativa "dinámica, grande e competitiva" é o obxectivo manifestado por Xosé Antonio Casais, elixido este domingo presidente de Feiraco, a maior cooperativa leiteira de Galiza, con sede en Negreira. Casais é gandeiro de profesión, nado na parroquia de Olveira, e vinculado á actividade sindicalista en Unións Agrarias.
Á 41ª Asemblea Xeral de Feiraco asistiron 1.200 socios, que aprobaron o balance e conta de resultados e o informe de xestión de 2007. A asemblea tamén renovou tesoureiro, seis vogais titulares, un suplente e tres interventores de contas do Consello Reitor. Ademais, celebrouse unha asemblea extraordinaria que aprobou unha modificación de estatutos para introducir a figura do socio e presidente de honra e tamén para autorizar a participación nas novas sociedades 'Agrupación Láctea Cooperativa' e 'Ventos Cooperativos'.
Homenaxe ao presidente fundador
Xesús García Calvo, fundador e até o de agora único presidente de Feiraco, pasa a ser así presidente de honra. Calvo envioulle unha emocionada mensaxe aos socios da cooperativa agradecéndolles a confianza nel depositada durante estes anos. Tivo tamén un recordo para os compañeiros "homes e mulleres, veciños meus, gandeiros da bisbarra, que conseguimos unirnos e da fortaleza desa unión conseguimos crecer e que mellorasen as condicións de vida". Afirmou igualmente que foron "constantes afrontando as dificultades, que as haberá sempre", pero insistiu en que está convencido de que calquera dificultade "se resolverá mellor no seo da cooperativa".
García Calvo, prestixioso intelectual da economía social e o cooperativismo, foi recoñecido por numerosas institucións e entidades polo seu labor comprometido co desenvolvemento rural. No transcurso da asemblea leuse unha mensaxe do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, en nome do Goberno, dirixido a todos os socios da cooperativa. Canal subliñou que "a iniciativa de García Calvo, impulsor en 1968 do proxecto cooperativista de Feiraco no Val da Barcala, debe ser recoñecida publicamente como un servizo ao país, como un compromiso co medio rural e como un proxecto innovador de poñer en valor as nosas vantaxes comparativas".
Cara ao grupo leiteiro
O novo presidente de Feiraco destacou a intención de traballar en favor da creación dun gran grupo leiteiro galego, chamado a estar liderado por Feiraco, e destacou a necesidade da aposta en innovación.
A cita esta fin de semana serviu ademais para certificar a participación na constitución da 'Agrupación Láctea Cooperativa, S.L.', integrada por 23 cooperativas lácteas do país que producen 600 millóns de litros de leite, proxecto impulsado na convicción de que "resulta conveniente para a optimización do sector lácteo conformar unha agrupación de cooperativas, para lograr mediante unha actuación conxunta unha posición no mercado para a comercialización do leite dos seus socios".
Do mesmo xeito, durante a asemblea extraordinaria tratouse e aprobouse tamén a participación na constitución de 'Ventos Cooperativos' para optar, xunto coas outras tres principais cooperativas lácteas (Os Irmandiños, Colaga e Icos), á concesión en Galicia de oito parques eólicos con 357 megavatios de potencia total. A inversión directa prevista de 498 millóns de euros irá acompañada de investimentos por valor de 138 millóns de euros en proxectos industriais, ambientais e formativos.