A corrente crítica celebrou este sábado a súa segunda asemblea na que elixiu dirección.
“Resintonizar o BNG cos movementos sociais” esta é unha das máximas aprobadas na segunda asemblea do Encontro Irmandiño, que se celebrou este sábado en Compostela. A corrente crítica, nucleada arredor da figura de Xosé Manuel Beiras, cre que é preciso traballar dentro da organización frontista para “manter o rumbo político do BNG afastado da viraxe ao centro auspiciada pola maioría dominante”. Coidan que hai que reforzar “a liña ideolóxico-política de esquerdas” e a mensaxe nacionalista.
Nos textos aprobados este sábado, os “irmandiños” subliñan que o obxectivo a medio prazo é “acumular forzas” e “mellorar a interlocución cos grupos do BNG que comparten con nós o obxectivo básico de rexeneración con vista a artellar masa crítica suficiente que permita avanzar no traballo acordado e manter con garantías de éxito unha dialéctica política coa maioría dominante”.
A corrente está disposta a traballar arreo de cara ás eleccións do vindeiro mes de marzo. Porén, o Encontro Irmandiño quere que na Asemblea Nacional que ten que celebrar o BNG´ antes dos comiciós para elixir candidato haxa debate e que presumibelmente vai ter lugar cara o outono. O sector crítico considera que a militancia ten que facer unha “reflexión seria” sobre o traballo feito polo Goberno e tirar as conclusións pertinentes tras esta primeira experiencia”.
O Encontro Irmandiño tamén escolleu os membros da nova dirección. Entre outros, estarán no máximo órgano Xosé Manuel Beiras, Mario López Rico, Cristina Amor, Francisco Trigo, Martiño Noriega, Mónica Díaz, Xosé Constenla e Concha Trigo.