"Ningunha cultura normalizada expulsa do sistema educativo o estudo demorado da súa propia literatura", láianse desde a CIG-Ensino, criticando a decisión da Consellaría de Educación.
"Ante tal despropósito e ataque á nosa cultura, só nos queda exixirlle a rectificación para que estas materias poidan ser ofertadas como optativas en todos os centros de Galiza como viña sendo até o de agora", expoñen desde a CIG-Ensino sobre o acontecido.
A queixa chega despois de que este venres o Diario Oficial de Galicia publicase a orde que estabelece a relación de materias optativas do treito de Bacharelato, incluídos os seus currículos. Da lista desaparece, entre outras, a materia de Literatura Galega do Século XX. Tamén se suprimen Literatura Universal Contemporánea e Literaturas Hispánicas.
A formación sindical considera que se trata dunha resolución "totalmente inaceptábel e sorprendente" que amosa "o desprezo máis absoluto cara ao feito de que o noso alumnado de bacharelato poida afondar, de desexalo, no coñecemento da nosa cultura". Avalían ademais que se agrava así o proceso de "desgaleguización do ensino" do que acusan de promover á Consellaría. "Prexudicará a aquel alumnado que teña orientado o seu itinerario educativo cara ás linguas", critican, afirmando que "ningunha cultura normalizada expulsa do sistema educativo o estudo demorado da súa propia literatura e, moito menos, se se trata dunha cultura non normalizada como é a galega".
Sen negociación previa
Ao respecto, a CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación recorda que ao verse afectado un asunto que lle afecta directamente ás condicións laborais do profesorado de Lingua Galega e Española, segundo a normativa legal, era preceptiva a existencia dunha negociación previa.
A decisión do departamento liderado pola conselleira Laura Sánchez Piñón é cualificada de "involucionista". Ao tempo, o sindicato quéixase de que hai poucos días que se convidara unha vez máis a Xunta a falar xustamente do asunto das materias optativas. Acusan o Goberno de botar adiante "unha vez máis" iniciativas no ámbito educativo "non demandadas por ninguén e en contra do que recomenda o profesorado" e advirten de que é un chanzo máis contra o modelo "compensado, laico e de calidade" que as formacións sindicais veñen propoñendo.