Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPOIS DE SER APROBADO NO PARLAMENTO

Os normalizadores acusan a Xunta de renunciar ao Consorcio de Planificación Lingüística

A Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística anunciou que se dirixirá ao presidente para mostrar o seu "malestar".

Redacción - 19:40 26/06/2008

Logo de ser anunciado en diversas ocasións, que contar con dotación económica nos orzamentos da Xunta tanto do 2007 como do 2008; despois de ser presentado e aprobado no Parlamento Galego e despois de que a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asegurase que só quedaba a adhesión das sete cidades galegas e das catro deputacións para poñer a andar o proxecto, a creación do Consorcio para a Planificación Lingüística dista moito de ser unha realidade.

Así o denuncia a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, quen anuncia que se dirixirá ao Presidente da Xunta para trasladarlle o seu malestar. Pedirán ademais aos tres grupos parlamentarios que controlen a acción executiva da Secretaria Xeral ante o incumprimento do seu compromiso. Toman esta decisión logo de que dende Política Lingüística lles confirmase a paralización tanto do Consorcio para a Planificación Lingüística como do Consorcio de Terminoloxía. Ademais de incumprir un acordo parlamentario, a CTNL subliña que con esta paralización se está a desviar cara outras accións os fondos dos orzamentos que ían destinados á creación destes organismos.

Obxectivos e prazos
O obxectivo que se marcaba este Consorcio era o de sentar as bases para a coordinación dos servizos municipais de normalización, así como o de converterse nun organismo fundamental para que o galego sexa a lingua habitual nas relacións internas da Administración, na comunicación interadministrativa e na relación cos cidadáns. Crearíase así unha estrutura estábel, da que dependerían os servizos de normalización de concellos e deputacións.

Este proxecto fora presentado no Parlamento en marzo de 2007, logo de incluirse unha partida orzamentaria nas contas galegas para ese mesmo ano. O tema voltou á palestra en outubro, cando o Pleno da Cámara aprobou unha resolución na que se instaba á Xunta a promover unha estratexia de coordinación lingüística, que se levaría a cabo a través da creación deste Consorcio. Oito meses despois, a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística amosouse sorprendida ante a decisión de paralizar a creación deste organismo e anuncia que tomará as súas medidas.


Ligazóns

5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: