O ciclista de Mos vai seleccionado co seu equipo, o Caisse D'Epargne, aos campionatos de fondo e contrarreloxo.
A vindeira fin de semana comezan os Campionatos Estatais de fondo e contrarreloxo en Talavera de la Reina (Toledo). Xa vos anunciabamos esta semana que alí van estar os corredores do KGZ, mais tamén vai participar Óscar Pereiro.
O gañador do Tour 2006 vai co seu equipo, o Caisse D'Epargne, que escolleu como referentes a dous compañeiros do de Mos, Alejandro Valverde (para o fondo) e José Iván Gutiérrez (para a contrarreloxo). Pereiro, polo seu lado, vai participar só na proba de fondo.
Incluído xa na listaxe do Tour 2008
Na lista de ciclistas seleccionados polo Caisse d'Epargne para participar na máis importante proba ciclista internacional, o Tour de Francia (que este ano sae de Bretaña, de Brest), tamén está incluído Pereiro. O galego ha correr a carón dos seus compañeiros Alejandro Valverde, David López, Chente García, Iván Gutiérrez, Luis Sánchez León, José Joaquín Rojas, Nicolás Portal e Arnaud Coyut.