A MIT reunirá entre 19 e 26 de xullo a dúas ducias de compañías galegas, do resto do Estado, de Alemaña, Brasil, Portugal e Arxentina.
O teatro volverá a ser o protagonista en Ribadavia da man Vixésimo Cuarta Edición da súa Mostra Internacional entre os días 19 e 26 de xullo. As últimas montaxes de grupos como os alemáns Familie Flöz, o espectáculo musical dos cataláns Camut Band, os madrileños de Uroc, os premiados Meridional Teatro ou os portugueses de Circolando serán algunhas das estrelas deste festival.
As formas e os temas son do máis variado. Camut Band presentarán un espectáculo no que se mestura a percusión africana, o tap dance, a voz e mialo baile. Uroc ofrecerá Adosados, unha montaxe na que se fala sobre a emigración, a seguridade ou a política, entroutros temas. Familie Flöz achegaran a súa particular visión dun asasinato no Hotel Paradiso. Circolando presentarán a súa Charanga, unha performance poética e visual. Outro espectáculo destacado será o de Teatro Meridional, quen revelará a verdadeira historia dos Irmáns Marx.
Pero o programa non remata aquí; nos diferentes escenarios do castelo, a igrexa da Madalena, as rúas e mailos barrios vivirase intensamente o teatro. Participarán tamén compañías galegas coma o Centro Dramático Galego, con Estigma: o Teatro de Ningures, con Bailadela da morte ditosa; o Centro Coreográfico Galego, co seu Kiosko de almas perdidas ou Lagarta Lagarta, con Aeroplanos. Tamén participarán Os Containers, con Sen tren; Nut Teatro, con 4.48 Psicose; ou o Teatro en el Aire, con La piel del agua. Pero aínda hai máis, o teatro para nenos correrá da man de Artello Teatro Alla Scala 1:5, Teatro do Frío, Cachivache ou Galitón. Nas rúas animarán a cita teatral Fafá, Zahir Circo, Civi Civiac ou K de Calle e nos barrios Cachirulo representará o seu Pinochio.Doutra banda, a pregoeira desta edición será a actriz galega María Bouzas, quen presidirá a inauguración o sábado 19 ás sete da tarde.