Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FUTURO DA SANIDADE Pública

Presión cara a un modelo sanitario privado

A Asociación Galega para a defensa da sanidade pública advirte de que UE, FMI ou Banco Mundial facilítanlle o acceso a sistemas privatizadores neste ámbito, xa sufridos por Galiza nos últimos tempos.

Isabel G. Couso - 09:00 26/06/2008

Manuel Martín, voceiro desta asociación, é pesimista co futuro da sanidade pública. Asegura que as grandes corporacións internacionais, auspiciadas pola propia Unión Europea e por entidades como o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional están a presionar para incrementar o peso do sector privado no eido da sanidade. A probábel consecuencia será que os cidadáns, en canto pacientes, paguen polos servizos recibidos, que os pensionistas perdan a gratuidade na adquisición de menciñas ou que teñamos que pasar por caixa cada vez que precisemos unha diagnose. A tendencia en Europa é esta e no Estado español temos un exemplo ben claro, o de Madrid. Alí estase a aplicar un sistema paralelo ao de concesión de obras públicas para a construción e tamén a xestión de centros sanitarios (Aranjuez, Arganda, Coslada, Parla, San Sebastián de los Reyes e Vallecas). Neste sentido, Martín agarda que a Xunta adopte outro posicionamento, logo do compromiso de pechar o MEDTEC (Instituto Galego de Medicina Técnica) e eliminar o modelo das fundacións.

As fundacións sanitarias respondían a un modelo creado nos anos oitenta por Alberto Núñez Feijoo, entón presidente executivo do Insalud, cando era ministro de sanidade o tamén galego Jose Manuel Romay Beccaría. No marco desta política neoliberal pretendíase dotar os hospital de formas de xestión privada, aducindo razóns como o aumento do gasto sanitario ou a baixa productividade dalgúns servizos. Dende que cambiara o goberno na Xunta de Galicia anunciouse a disolución das catro fundacións existentes en Galiza, que pasaron a depender do Sergas despois dun acordo asinado en marzo. A xustificación desta medida é a débeda de 16 millóns de Euros que o goberno actual tivo que asumir, unha cantidade que segundo a Xunta amosa a ineficiencia deste modelo de xestión.

Malia todo, a Asociación para a Defensa da Sanidade (AGDSP) pide maior implicación social e unha forte mobilización que impida desmantelamentos futuros do noso sistema sanitario.

Sistema de financiamento
Pero os problemas da nosa sanidade non rematan nun hipotético futuro de privatización. Na actualidade somos debedores do sistema de reparto económico. Unha importante parte da dotación presupostaria depende dos orzamentos transferidos (tabaco, gasolina, venta de pisos, parte o IVA ou do IRPF). Iso supón que aquelas comunidades cun menor volume de actividade comercial terán unhas contas máis febles, situación que empeora na actual situación de crise. Segundo Manuel Martín, atendendo aos orzamentos de 2008 Galiza conta con 1.312 euros por usuario, unha cifra semellante á doutros territorios do Estado. Sen embargo, as necesidades galegas son moi superiores atendendo á nosa poboación envellecida, á dispersión poboacional e ao déficit de infraestruturas sanitarias que xa arrastramos.

Listas de espera
Galiza conta cunha atención primaria moi atrasada, cunhas listas de espera moi elevadas. Segundo a AGDSP a situación "mellorou moito" coa entrada do novo goberno, se ben hai que agardar aínda uns tres ou catro anos para avaliar os resultados. Este problema está estreitamente ligado coa necesidade de mellorar a xestión dos nosos centros sanitarios para que a propia atención primaria avance en capacidade resolutiva. A este problema contribúe o flagrante incumprimento da lei galega de incompatibilidades, con situacións como a actual na que hai doutores que traballan na pública e na privada simultaneamente.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: