Á volta de sardiñas e cacharelas o rebuldeiro barrio compostelán comeza os seus festexos do verán.
"Neste tempo en que nos espreguizamos, en que volvemos sentir vivamente a vida do barrio, coas veciñas e veciños a pasear, de compras ou a sentar nas terrazas dos bares, tempo en que mantemos aínda máis aberto o espírito de intercambio de culturas e de identidades que se pousan nese ir e vir de xente do Camiño ou nas novas veciñas e veciños que ollan como desde xa fan parte deste barrio aberto de San Pedro". Así nos convocan, con emocionado márketing a comisión de festas do barrio compostelán de San Pedro, a participarmos na axenda de actividades que programaron para este 2008.
Vizoso programa
As festas ábrense o martes 24 con teatro. O grupo Xuntanza interpreta a obra O florido pensil, de Andrés Sopeña Monsalve, que trata sobre a educación no franquismo. A representación terá lugar nos arcos do Parque de Bonaval, ás 20:30 horas.
O día seguinte, o mércores 25, abrirase cunha cata de viños guiada por Víctor Rodríguez. Será ás 12:00 no Hotel Restaurante de Bonaval. Xa pola noite, ás 22:00, Détour actuarán no campiño da Igrexa de San Pedro.
O xoves 26 chega a Foliada-churrascada no Camiño, onde a música tradicional fará que baile toda a mocidade; será ás 22:00 e estará amenizada polas Cantareiras de Pontecaldelas, os Carunchos e Vai de Baile.
Un día despois, á mesma hora, a mesma praza acolle a Noite do Lastro, concerto para a mocidade con grupos emerxentes de música. Actuarán Labazada, Melech Mechaya e O Sonoro Maxín. Antes, ás 20:00, no auditorio do Museo do Pobo Galego soarán as mellores voces da cidade, no V Encontro de Corais. Asemade, comeza a troula na rúa cos pasarrúas e cabezudos, e ás 21:00, as trapecistas de Duelirium desafiarán a gravidade e o medo no Cruceiro de San Pedro.
E seguirán na fin de semana. O programa completo na web da comisión de festas do barrio de San Pedro.