Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á espera do empurrón no Congreso

Consenso sobre emigración para unha reforma electoral, "por cativa que sexa"

Os tres grupos parlamentarios acordaron liñas básicas sobre retorno da emigración e conservación e posta en valor do patrimonio da diáspora.

Redacción - 18:30 23/06/2008
Centro Galego de Bos Aires

Centro Galego de Bos Aires

A comisión parlamentaria encargada do estudo da emigración galega subliñou este luns a necesidade de reformar o procedemento de voto no exterior. Os deputados lembraron a ponencia conxunta pactada polos tres grupos e remitiron a análise desta comisión no que respecta ao ámbito electoral ao que dese proceso saia.

O debate volverá esta semana ao primeiro plano, e mentres, os representantes dos grupos políticos limitáronse a asinar a necesidade da depuración do censo de residentes ausentes, a regulamentación dun sistema que evite a fraude garantindo "os principios de personalidade e segredo a través dun sistema que esixa a previa identificación do elector" estabelecendo que o exercicio do seu dereito de participación "sexa de xeito fidedigno, ben mediante o voto en urna, ben por correo certificado".

PPdeG, PSdeG e BNG coinciden así en que o aprazamento dalgún dos debates pendentes e prioridades anteriormente recoñecidas, como é o caso do posíbel estabelecemento de representación parlamentaria propia da diáspora, quedan fóra do plan a curto prazo, pola "urxencia de proceder a reforma do sistema de voto". No documento consensuado sinalan que "se ben non é o desexábel si permite acadar a mínima racionalidade democrática, tratando de impedir que os vindeiros procesos electorais podan verse salpicados cos mesmos escándalos e dúbidas que padeceron os anteriores".

A necesidade de mirar pola "pegada identitaria" e o traballo dos emigrantes
Deste xeito, os deputados centraron o debate do luns na "importancia de recoñecer, preservar e poñer en valor" o patrimonio material e inmaterial dos galegos da diáspora. Nesa liña, os voceiros dos tres grupos insistiron en que a historia de Galiza "non se entendería sen a emigración" e apoiaron un documento que insta a Xunta a "buscar o retorno a Galiza daqueles bens especialmente representativos do patrimonio cultural que se atopen fóra". Ao fío, mesmo propuxeron que a futura reforma estatutaria inclúa unha mención expresa "á importancia do patrimonio galego no exterior".

Tamén se pide a busca de documentación de interese para Galiza relacionada coa emigración, proceder á súa catalogación e ao inventariado de bens, e recomendan que a Cidade da Cultura reserve un espazo para albergar este tipo de material. Nese sentido, o voceiro do BNG, Iago Tabarés, propuxo que se modifiquen os estatutos dos centros galegos e entidades da diáspora para que "no caso da súa disolución o seu patrimonio poida reverter na Xunta ou noutras institucións análogas".

No que respecta ao retorno desde a emigración, socialistas e nacionalistas coincidiron en destacar a necesidade de que o Goberno faga esforzo en trasladarlle aos emigrantes "a realidade do que se van atopar". Entre as propostas recollidas no ditame da comisión está a de "afondar na introdución de delegacións de oficinas da Xunta no exterior" e a homologación de títulos non universitarios, favorecendo así a entrada no mercado laboral.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: