A selección galega de triatlón escolar gañou o Estatal esta fin de semana. Gómez Noya, Raña, Hidalgo, Valiño, Cuba... xa teñen relevo.
A selección galega proclamouse campioa, dobre, do Estatal de Triatlón Escolar que se desenvolveu este domingo en Gran Canaria. Na categoría masculina a superioridade de Galiza quedou demostrada de xeito contundente. Na feminina, as galegas tiveron que loitar forte contra Cataluña, pero ao final superárona.
A selección galega masculina, composta polos irmáns Óscar e Iván Castro, Francisco González e Roberto Barral, non tivo rival. A irmandiña do triatlón escolar superou en máis de catro minutos á segunda clasificada, a selección valenciana. Terceira foi Cataluña.
As mozas sufriron un bocado máis
A selección feminina, composta por Melina Alonso, Andrea Vázques, Samia Zahidi e Marta Varela impúxose finalmente, despois dunha dura pugna, á selección catalá, roubándolle 32 segundos. Estremadura foi terceira.
A competición disputouse na modalidade de relevos, e na categoría cadete. Cada un dos triatletas tiña que nadar 300 metros, pedalear 8 quilómetros e correr 1.000 metros máis para completar a proba.