Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Álvaro Illobre, tenista en cadeira de rodas

"Nós tamén representamos o país, pero cústanos moito máis conseguir un patrocinio"

Xoga esta fin de semana no Open Internacional de Cambre, con algunhas das figuras deste deporte. Está a piques de engordar a listaxe de olímpicos galegos.

A. Rodríguez - 13:55 21/06/2008
Álvaro Illobre

Álvaro Illobre

Traballa nunha asesoría, o tempo que non adestra ou está na Asociación de Minusválidos de Ferrol (ADM Ferrol).

O seu traballo dálle a liberdade que precisa para dedicarse, de xeito profesional ao tenis ("O meu xefe déixame ir, vir, competir ..."); se tivese outro tipo de traballo, tería que competir só o mes que tivese de vacacións (no caso de ter un enteiro), e non lle chegarían os catro torneos nos que podería participar neses 30 días para facer os puntos precisos e irse situando nunha boa posición na clasificación estatal e internacional. É o que lles pasa aos deportistas con discapacidade, que aínda estando na elite, teñen que traballar, porque unha das cousas máis complicadas para eles é atopar patrocinios.

De feito, Illobre ten que xogar unha media de 15 ou 16 torneos ao ano para coller o nivel que precisa para subir nas clasificacións. Pero este ano, o olímpico, a cousa foi a máis: dende maio de 2007 até agora participou en 17 torneos a nivel internacional, defendendo os puntos que conseguiu a pasada tempada. Con esta media, é o favorito para ir a Beixín este verán.

As Parolimpíadas comezan o vindeiro 6 de setembro. Da súa posíbel participación e da esencia do seu deporte falounos Álvaro Illobre, aproveitando que está de excedencia, pagada polo Comité Parolímpico, para prepararse un chisco máis. Esta fin de semana xoga no II Open Internacional Ergosaude, en Cambre, onde estarán algunhas das figuras internacionais do tenis en cadeira de rodas, entre eles outro galego, o cormelán Martín Varela, da Escola de Tenis Marineda, organizadora do evento.

Vieiros: Como comezou a darlle ao tenis? Cando soubo que ía ser o seu?
Álvaro Illobre: Sempre me gustaron os deportes, e comecei practicando o baloncesto. No 92 convidáronos a ver as Olimpíadas a Barcelona, e daquela descubrín o tenis. Gustoume moito, e cando volvín púxenme a practicalo. Aos dous anos fun ao Campionato Estatal, e foime bastante ben (pasei de cuartos). Naquela altura tamén comecei a competir coa selección estatal e levo xa 12 anos. Son o máis veterano.

Cando pensei que podería dárseme ben, busquei un adestrador, e comecei con Pepe Hermida máis en serio, e logo foron chegando os resultados. No 2001 e no 2005 gañei os campionatos estatais, e fun ás Olimpíadas de Sydney no 2000.

E en Atenas, non estivo?
Só son dous os escollidos pola Comité Parolímpico Español, e eu naquela altura quedara de terceiro na clasificación estatal.

E como vai a clasificación para Beixín 2008?
Estou xa clasificado, pero estou agardando pola confirmación oficial, que podería chegar de aquí a unha semana. Despois dos bos resultados en Italia, na Copa do Mundo por equipos (quedou de 11º o equipo estatal), dixéronme verbalmente que case seguro que vou ir seleccionado, xunto con Kiku Tur, o primeiro tenista a nivel estatal. Eu son o segundo.

Leva polo menos dez ano na elite do tenis en cadeira de rodas... como vai a súa clasificación internacional? Segue entre os 100 primeiros?
Agora mesmo son o 68º clasificado, xa que gañei puntos quedando campión no segundo cadro no Open de Atlanta; e subcampión no de Croacia.

E como vai a cousa dos patrocinios?
Dende o ano pasado recibo cartos da Fundación Deporte Galego, e estou agardando pola confirmación oficial para recibir a axuda para os deportistas galegos en Beixín, que outorga a Dirección Xeral para o Deporte. Ademais, a semana que vén imos presentar un novo patrocinador.

Que lle pareceu que incluísen os deportistas con discapacidade na listaxe dos de Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN)?
Pareceume o correcto, porque nós facemos igual esforzo que o resto de deportistas (se cadra máis, porque temos que adestrar e traballar a un tempo), e estamos representando o país tamén. Ademais, nós dependemos máis das subvencións públicas, porque as privadas son moi complicadas de conseguir, debido ao pouco que saímos na prensa, na televisión ou noutros medios. Non hai unha difusión importante dos nosos logros como para conseguir un patrocinio.

Ademais, falando do tenis en cadeira de rodas, está moi difícil chegar a ter o nivel preciso para ter patrocinio e apoio. Os dez primeiros poden, pero hai gran diferencia entre os que poden poñerse de pé e os que non. De feito hai un campión xaponés que seica se retira porque non lle compensa: hai que pagar viaxes, a inscrición nas competicións, comidas... e de premio, se gañas, podes chegar a recibir sobre 4 mil euros, que ao final van para os gastos todos.

Mais, este ano non puido conseguila...
Non entrei este ano na listaxe de DGAN porque os requisitos para o tenis pasan por estar entre os 8 primeiros xogadores do mundo, cousa moi complicada para os poucos tenistas que somos en Galiza. Se estivese nesa orde na clasificación internacional, dedúcese que xa podería case vivir do deporte. O que che piden para darche a axuda, falando só do tenis, é moi complicado, porque para chegar a esa posición hai que xogar moitos torneos no circuíto internacional, mínimo 18 (para puntuar), e é un investimento enorme, ao que non todo o mundo pode facerlle fronte. Neste sentido, paréceme que se deberan revisar os requisitos.

Ve posibilidades de conseguir medalla olímpica?
Chegar ás medallas é moi complicado. É coma un gran torneo, pero polo de agora xa sei que estou entre os 64 mellores, e se paso a primeira rolda, entre os 32 mellores tenistas do mundo.

E como se ve para o II Open Internacional Ergosaude desta fin de semana?

Estou forte. Este ano fóronme as cousas ben, e fun sumando puntos. O primeiro da clasificación internacional, Kiku Tur, tamén está forte. O importante vai ser gozar xogando na casa, e ante o noso público.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Illobre, no Open de Caspe, o ano pasado
Illobre, no Open de Caspe, o ano pasado
En 2007 foi subcampión estatal en individual e campión en dobres, con Martín Varela (con quen está nesta imaxe)
En 2007 foi subcampión estatal en individual e campión en dobres, con Martín Varela (con quen está nesta imaxe)
Cando foi proclamado subcampión do Open Internacional do ATP de Valencia, en 2007
Cando foi proclamado subcampión do Open Internacional do ATP de Valencia, en 2007
Formando, con Martín Varela, a selección galega, que venceu no 'Open Ciudad de Oviedo' en 2006
Formando, con Martín Varela, a selección galega, que venceu no 'Open Ciudad de Oviedo' en 2006