A Conselleira de Pesca anuncia que a súa aprobación é inminente e que só resta un informe de urbanismo.
Despois de multitude de manifestacións, concentracións e protestas; logo de queixas e denuncias de asociacións ecoloxistas, plataformas a prol do litoral e oposición política, o Plan Acuícola seguiu o seu trámite e a súa aprobación podería estar próxima. Así o ven de confirmar Carmen Gallego, quen subliñou que só está pendente un último trámite pendente da Dirección Xeral de Urbanismo para o seu traslado ao Consello da Xunta e a súa conseguinte aprobación. Aínda que non quixo fixar a data exacta na que se superará este último trámite, si insistiu en que a súa aprobación é inminente.
Rexeitamento Social
Da oposición coa que conta o Plan entre colectivos veciñais e ecoloxistas, Gallego subliña que como proxecto que ordena o territorio "sempre haberá un grupo de persoas que non estean de acordo" e considera que este non é un impedimento para sacalo adiante. O pasado 8 de xuño celebrábase en Santiago de Compostela a última das concentracións que pedía a retirada deste documento. Representantes de catorce colectivos sociais, entre os que se atopaban asociacións ecoloxistas como Adega, Abeiro ou Amigos da Terra, denunciaban que este proxecto acuícola se converteu xa na principal ameaza ao patrimonio natural do litoral galego. O Plan Acuícola prevé un total de 26 emprazamentos repartidos pola costa para a apertura de distintas plantas produtivas. Dende que se deseñou, recibiu xa máis de mil alegacións, formuladas na súa meirande parte por particulares, quen motivaron diferentes modificacións. No seu conxunto, os colectivos que amosan o seu rexeitamento abogan pola apertura dunha mesa de negociación con representación de todos os axentes sociais, industriais e todas as Administracións. Unha petición que semella non ter sido oída pola Consellería de Pesca, quen semella que continuará adiante co proxecto.