Estas eran as verbas da directora xeral para o Deporte, Marta Souto, na presentación da campaña O Leite do Deporte Galego, coa que Feiraco e Os Bolechas apoian os olímpicos do país.
Seis millóns de envases de leite Feiraco servirán como soporte informativo para a participación de deportistas galegos nos Xogos Olímpicos de Beixín. Haberá información nos envases, pero tamén nos puntos de venda, ademais, hanse editar folletos e varios imáns nos que aparecen os personaxes d'Os Bolechas, creados por Pepe Carreiro.
Esta campaña, chamada O leite do Deporte Galego, foi presentada esta terza feira pola directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o director xeral da empresa leiteira Feiraco, José Luis Antuña; e o editor d'A Nosa Terra, Xosé Fernández Puga, e vai servir, segundo Souto, para que as familias, os nenos e todos os galegos "coñezan, recoñezan e valoren como merecen" aos deportistas do país, que este verán van estar competindo en Beixín.
Un paso máis na campaña Galiza nos Xogos Olímpicos
Souto lembrou que a colaboración con Feiraco e A Nosa terra é máis un chanzo na campaña, Galiza nos Xogos Olímpicos de Beijing 2008, que comezara no mes de abril, empregando a Torre de Hércules como facho olímpico galego, "e esta andaina está a pasar varias etapas cara a meta: estar en Beixín". O importante, dixo, a directora xeral para o Deporte, "é dar información da presenza galega nas Olimpíadas, para que todos os galegos e galegas saiban cando, como e onde imos estar competindo".
Polo seu lado, o director xeral de Feiraco salientou o traballo que está a facer a fundación da leiteira desenvolvendo iniciativas coma esta, "de apoio á cultura e ao deporte. Esta cooperativa sempre estivo comprometida co desenvolvemento de Galiza".
Na súa quenda, o editor d'Os Bolechas na editorial A Nosa Terra, Pepe Puga, lembrou que os personaxes creados hai oito anos por Pepe Carreiro son un "produto moi querido", e chegan a moitos nenos galegos: "cada mes seis mil nenos galegos mercan un libro deles", dixo Puga. O editor tamén quixo destacar que para A Nosa Terra é un orgullo que os rapaces se eduquen nunha diversión sa, como o deporte, cos seus personaxes.