Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Fútbol

O Porto FC volverá xogar para o ano na Liga de Campións

O clube portugués, que fora expulsado pola UEFA tras saber das súas irregularidades na liga portuguesa, foi readmitido pola máxima entidade do fútbol europeo.

Redacción - 13:07 17/06/2008
Lisandro e a afección do clube portugués

Lisandro e a afección do clube portugués

A UEFA revelou esta segunda feira, de tarde, que vai admitir de novo ao FC Porto na vindeira edición da Liga de Campións, e que o seu caso non vai ir á Comisión de Control de Disciplina do organismo, antes de que comece a tempada 2009-2009.

O equipo fora expulsado da competición pola súa implicación nun caso de corrupción dentro do fútbol portugués, relacionado coa compra de árbitros na tempada 2003-2004, e bautizado co nome de 'Apito Final'.

O caso non se vai revisar até a tempada que vén

A pasada sexta feira a UEFA anulou a súa decisión após o recurso interposto polo clube portugués, e, nun comezo, só actuaría contra el se o equipo fose castigado pola Federación Portuguesa, cousa que non vai acontecer, antes de que comece a tempada que vén.

"O caso non será analizado polo Consello de Xustiza da Federação Portuguesa de Futebol (FPF) antes do inicio da Liga de Campións e, por iso, non será analizado pola Comisión de Control e Disciplina (antes do inicio da proba)", explicou á Agência Lusa un voceiro da UEFA.

Os antecedentes e os prexudicados
O pasado 9 de maio a instancia disciplinaria da UEFA decidiu excluír ao FC Porto da Liga da Campións, despois de que o clube fose condenado pola comisión disciplinaria da Liga Portuguesa, que o sancionou coa perda de seis puntos, e ao seu presidente, Pinto da Costa, cunha multa de 150 mil euros e unha suspensión por dous anos.

O Porto, que tiña asegurada a súa vitoria na liga por terceira tempada consecutiva a pesares da penalización, decidiu, naquela altura, non recorrer a sanción.

Mais ao chegar xuño, o equipo apresurouse a recorrer. A exclusión do Porto permitiría o acceso do Vitoria de Guimarães á fase de grupos da Liga da Campións, mentres que o Benfica podería disputar a terceira rolda preliminar da competición raíña do fútbol europeo.

A pasada sexta feira, a UEFA decidiu anular a súa decisión e reenviar o caso ante as instancias deportivas portuguesas para volver a ser examinado, estimando que Vitoria e Benfica (terceiro e cuarto respectivamente, na liga) eran parte interesada no proceso, pois habíanse de beneficiar dunha eventual penalización do FC Porto, polo que deberían ser escoitados en primeira instancia neste caso.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: