A empresa estadounidense LS9 emprega bacterias xeneticamente modificadas para tal fin.
Diagrama do proceso / LS9.com
Unha empresa estadounidense acaba de anunciar que pode producir petróleo a partir de residuos agrícolas mediante o uso de bacterias xeneticamente modificadas. O director da compañía, chamada LS9 e estabelecida en Silicon Valley, é Greg Pal, de 33 anos.
A peculiaridade do proceso é que as bacterias, en lugar de produciren etanol, excretan algo moi semellante ao cru, que sería non só renovábel, senón que tería, como resultado, unha redución do dióxido de carbono. Ademais, o 'petróleo 2.0' non obrigaría a reestruturar a economía mundial para pasar a outra fonte de enerxía, como o hidróxeno.
Segundo informa The Times Online, o sistema, que podería conseguir un barril de cru por 50 dólares, tamén ten as súas desavantaxes: precisa de moito espazo. Así, por exemplo, para fornecer toda a enerxía que consomen os EUA nun ano, cumpriría a superficie equivalente a toda a cidade de Chicago.
Polo de pronto, Pal xa convenceu para a súa iniciativa o veterano do petróleo Bob Walsh, como presidente da compañía, e recibiu 20 millóns de dólares de investidores como Vinod Khosla, co-fundador de Sun Microsystems, para poñer en marcha o seu laboratorio.