Tras facer un cuarto posto na cuarta etapa, o galego reaparece na clásica francesa. O liderado é, polo de agora, para o seu compañeiro de equipo, Alejandro Valverde.
Na cuarta etapa da clásica francesa Dauphiné Libéré, de 193 quilómetros, entre Vienne e Annemasse (e cun primeiro contacto cos Alpes), o galego Óscar Pereiro, ciclista do Caisse d'Epargne conseguiu entrar de cuarto na meta, colocándose, na clasificación xeral, de sétimo. De líder segue o seu compañeiro de equipo, Alejandro Valverde.
Había tempo que non sabiamos do ciclista de Mos por causa das súas baixas por enfermidade nas últimas carreiras, mais na clásica francesa reapareceu, amosando a súa capacidade de repoñerse na primeira etapa da rolda na que houbo un primeiro contacto cons Alpes, cun porto de primeira, o Mont Saleve, a 17 quilómetros da meta.
Traballo en equipo
Pereiro foi entrando nas fuxidas que se sucedían dende o quilómetro 5, mais foi á hora e media de comezada a carreira cando se colocou no grupo en cabeza, con 15 corredores máis.
O traballo do galego destacou, ademais, por ser o soporte principal do seu compañeiro, Valverde, xa que na súa fuxida fixo todo o posíbel para que non se pasase dos tres minutos de vantaxe, dándolle tranquilidade ao murciano, que pedaleaba comodamente no pelotón principal.