O Consello da Xunta deulle o visto e prace á ampliación dos convenios asinados co Ministerio de Industria.
O Goberno aprobou ampliar os convenios co Ministerio de Industria para o desenvolvemento dos programas Cidades Dixitais e mais Peme Dixital, encadrados no Plan Avanza, e que supoñerá unha achega de 2,3 millóns de euros dende a Consellaría de Innovación e Industria.
Para Cidades Dixitais, a consellaría achegará 1,1 millóns de euros en 2008 e 2009, mentres que o Ministerio poñerá 1,27 millons e os concellos medio millón máis. O departamento terá a competencia de executar os instrumentos para acadar os obxectivos do programa e de convocar publicamente a selección de cidades ou entidades locais no caso de optar por convenios cos concellos.
O programa financia servizos e aplicacións de administración electrónica, servizos dixitais dirixidos a cidadáns e empresas locais e accións de formación e de difusión.
Por outra banda, o desenvolvemento do programa Peme Dixital prevé unha achega de 1,22 millóns de euros durante 2008, que se sumarán aos 1,8 millóns do Ministerio. Esta convocatoria oriéntase a incrementar o grao de adopción das TIC nas pemes, con especial incidencia na implantación da factura electrónica.