Contratacións indefinidas, pactadas cos sindicatos e realizadas dentro do convenio único da administración, son algunhas das peticións para os cualificados de "chiringuitos".
Un milleiro de delegados e traballadores das principais forzas sindicais concentráronse en media ducia de cidades diante de edificios administrativos. As protestas foron convocadas conxuntamente polas seccións correspondentes dos sidicatos CCOO, CIG, UXT e CSIF. Xunto coas mobilizacións, entregaron algo máis de 6 mil sinaturas recollidas durante as últimas dúas semanas en apoio das reivindicacións.
A convocatoria "en defensa dos servizos públicos" critica de xeito directo o que cualifican de "deriva" do actual goberno de PSdeG e BNG "en contra do pacto de goberno" que no seu momento asinaran e solicita que se mude a externalización da xestión de servizos. Na opinión dos sindicatos, as entidades "paralelas" creadas polo Goberno estes últimos tres anos non son compatíbeis "cunha administración moderna que profesionalice o servizo aos cidadáns desde criterios de transparencia, obxectividade e eficacia".
As queixas sindicais apuntan a arredor de vinte entidades, entre outras, á empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA), o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar ou o Instituto Galego da Calidade Alimentaria. Contratacións indefinidas, pactadas cos sindicatos e realizadas dentro do convenio único da administración, son algunhas das peticións para os cualificados de "chiringuitos". CCOO, CIG, UXT e CSIF entenden que os traballadores teñen "dereitos de segunda" fronte ao persoal da Xunta.
Os sindicatos consideran que o seguimento das mobilizacións convocadas confirman "o malestar e rexeitamento" dos traballadores da Xunta fronte á "política de privatizacións e de chiringuitos que executa o bipartito". Ao respecto, piden que se abra unha negociación inmediata para a incorporación do persoal destas entidades á estrutura da Xunta, substituíndo ademais subcontratacións e asistencias técnicas "por una axeitada oferta de emprego público". De non atenderse a reclamación da apertura ao diálogo sobre este tema, convocarán unha manifestación para o próximo 26 de xuño.