A loita polo título preséntase dura coa forte aparición do Bricosa-Pedras de Santiago na categoría masculina. Na feminina aínda non hai quen poida co Cidade de Lugo.
Melina Alonso, no podio da proba de selección do Europeo Youth
Ao tempo que Xabier Gómez Noya (que gañou en Elite) e Aida Valiño (que foi décimo segunda, en Sub 23) corrían polas rúas de Vancouver (Canadá) no Campionato do Mundo de Triatlón, os triatletas galegos estreaban tempada na Coruña, no Triatlón de Riazor.
O domingo 8 de xuño arrincaba a tempada 2008 no Circuíto Galego, e coa de Riazor fican aínda tres probas máis, que terminarán a finais de setembro en Baiona, pasando antes por Pontevedra e Lugo.
En Riazor destacaron os triunfos de Saleta Castro, que entrou na meta seguida de Estefanía Domínguez, ámbalas dúas do Cidade de Lugo Club Fluvial e seleccionadas para participar co combinado irmandiño a fin de semana que vén nunha proba internacional, en Marrocos.
Os tempos feitos por Castro e Domínguez, sumados ao da veterana Belén Lemar (que foi 11ª na xeral, e primeira entre as veteranas), proclamaron ao Cidade de Lugo vencedor por equipos, seguido do Atletismo Porriño.
A loita entre os mozos
En canto á clasificación masculina, o primeiro foi o compostelán Alberto Trillo, do Bricosa-Pedras de Santiago, que atravesou a liña de meta seguido de Jesús Gomar, do Cidade de Lugo (seleccionado, tamén, para Marrocos). Por equipos, o vencedor nesta categoría foi o Bricosa-Pedras de Santiago.
Ao parecer a tempada vén emocionante, porque na categoría masculina vai haber máis de unha loita, tanto en individual como en equipos, posto que o Bricosa conseguiu enfrontarse ao Cidade de Lugo, presentando a súa como candidatura firme ao título.
Dous galegos clasificados para o Europeo Youth
Noutra das competicións desta fin de semana, a proba de selección do Europeo Youth, destacou a actuación da cadete Melina Alonso (Cidade de Lugo) que venceu con autoridade na Casa de Campo de Madrid. A galega xa se proclamou, o pasado mes de abril, Campioa Estatal desta categoría, mais no duatlón.
Outro clasificado para o campionato foi o galego Uxío Abuín, do Anigasa Champion Chip Muralla.