Domingo de luxo en Compostela, coas estrelas da Superliga Galega de Billarda e cun duelo final cos dous mellores equipos de cada Conferencia. Son os play-off polo título da LNB.
Nada de NBA, aquí o que valen son os play-off da LNB, a Liga Nacional de Billarda, que bota o peche este domingo en Compostela, no barrio de Conxo, cunha xornada final espectacular na que se darán cita as maiores estrelas deste deporte que, como di o coordinador do campionato, Xermán Viluba, rompe moldes e arrasa, alí por onde pasa.
Chega a finalísima da III Superliga Galega de Billarda
Viluba estivo esta cuarta feira en Compostela, xunto coa directora xeral para o Deporte, Marta Souto, e o presidente da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela, Mario Rodríguez. Os tres presentaron os play-off finais da LNB, que comezarán este domingo 15 de xuño, de mañá, no complexo Deportivo de Conxo (se chove, cousa pouco probábel, no pavillón polideportivo Quiroga Palacios), e que son, en palabras de Viluba, "un paso máis para dignificar este deporte, legalizalo. Nós, que nacemos nos montes, sen normalidade nin nada, sentímonos orgullosos de compartir mesa coa institución que nos compete".
Viluba tamén prometeu que estes play-off han ser cento por cento galegos, con esencia, espectáculo, loita... e neles han estar os grandes palanadores e palanadoras do campionato, os oito mellores da Conferencia NorLeste e os oito mellores da NorOeste. Ademais, vai haber unha finalísima entre os dous equipos gañadores, os Billardeiros Musicais (Conferencia NorLeste) e os Filloas de Sangue (Conferencia NorOeste); un campionato feminino, e a final de varados. A competición comezará ao mediodía.
"É o primeiro paso por dignificar este deporte, pero agardamos dar mil máis", dixo Viluba, ao tempo que aproveitaba para anunciar que o ano que vén vai haber unha nova Conferencia na LNB, a Sur, con epicentro en Vigo e en Mos, e con palanadores a palanadoras chegados mesmo de terras ourensás.
"LNB batendo 'récord' de asistencia!"
Polo seu lado, Mario Rodríguez amosou o seu apoio á finalísima e dixo estar a traballar, dende a súa asociación, para que vaia xente de Compostela, tamén os internos do Centro Psiquiátrico de Conxo.
A máxima responsábel do deporte galego salientou, na súa quenda, a importancia de "todos os deportes tradicionais", que son a "esencia do noso ser, como pobo", e citou, alén da billarda, os bolos celtas e a chave. Tamén falou do traballo feito dende o seu departamento para pór en valor este deportes, para "recuperalos, dignificalos, dinamizalos e estandarizar o seu uso, ao tempo que se poñen en contacto diferentes xeracións".