Viveiro vai ser o punto de partida da primeira etapa, que terminará en Sarria, tras percorrer 143 Km.
O Supermercados Froiz, gañador da edición de 2007
Esta cuarta feira, a partir das 14:00 horas, o pelotón que participa nesta Volta a Galiza Camiños Xacobeos 2008 sairá dos xardíns de Noriega Varela, de Viveiro, para percorrer 143 quilómetros, camiño de Sarria.
O máis destacado desta primeira etapa: os portos da Gañidoira (de segunda categoría) e de Valonga (de terceira), ademais do Alto de Baqueriza, situado a só 35 quilómetros da meta, a Avenida Calvo Sotelo da vila luguesa.
Os participantes, 105, de 15 escuadras distintas han tomar a saída. Todos van loitar por suceder no podio ao gañador da edición de 2007, o manchego Óscar Laguna. Este ano destaca tamén a presenza de cinco conxuntos estranxeiros e do gran favorito, o Supermercados Froiz, feitos que, nun comezo, prometen espectáculo e calidade nas cinco etapas que conforman a Volta 2008.
Vixiando ao Super Froiz
Os seis equipos galegos que participan na rolda (Luis Ocaña Cymasa, Cidade de Lugo, Spol Caixanova, Cambre Frisonoble, Vigués Chint e Super Froiz) deberán loitar contra catro portugueses (Sta María da Feira, LA Trevomare, Tavira e Maia); un estadounidense (Johan Bruyneel); e catro estatais (Camargo, Urnieta, Ciudad de Oviedo e Naturgas Energía) para conseguir que a vitoria quede na casa.
Hai que vixiar aos do Super Froiz de Poio, que teñen case todas as papeletas para revalidar o título, ao contar este ano con catro corredores que a pasada tempada competían en profesional: Ángel Vallejo, Óscar García, Raúl García de Mateo (que vén do Relax) e Pablo Pedro (que vén do Nicolás Mateos e que este ano gañou a Copa Deputación de Pontevedra e a Volta das Ascensión).
As etapas da 'Volta a Galiza'
Despois da de Viveiro-Sarria, chega a etapa de Sarria-Ourense, de 143 km. A terceira parte de Ourense e termina en Moaña, tras 132 km. A cuarta sairá de Cangas e terminará en Santa Comba, tras percorrer 131 quilómetros; e a última partirá de Vilalba para terminar onde comezou, en Viveiro, o domingo. Un percorrido esixente, duro que lle vai dar abondo traballo aos ciclistas.