Actualmente estanse a levar a cabo obras de instalación dunha pequena depuradora de augas residuais para o Restaurante Rodas, nas Illas Cíes, que está a provocar danos na flora dunar cercana.
O lugar de realización desta obra está moi preto das dunas de Muxieiro, medio especialmente sensible a calquera alteración e moi valioso pola súa flora. A este respecto, destaca a presenza de dúas especies de indubidable valor florístico a nivel galego:
- A camariña (Corema album), en franca regresión nas nosas costas, e que atopa en Cíes unha das súas mellores poboacións.
- A herba de namorar de duna (Armeria pungens), que en Galicia só se atopa en Cíes.Os movementos de terra e pedras causados polas obras provocaron o aplastamento de varios exemplares de ambas especies. Cómpre lembrar que a normativa do Parque Nacional prohibe a destrución da flora, e que estas especies se atopan nun hábitat prioritario protexido pola Directiva Hábitats da UE, sendo estas accións sancionables. Esta actuación vese agravada polo emprego da área valada da duna de Muxieiro (dentro da área de reserva do Parque), próxima á obra, como zona de almacenamento de palets e un depósito de obra, causando o aplastamento do sistema dunar.