O británico xa confirmou que asistirá á cerimonia de entrega do premio, que se desenvolverá durante este ano.
Stephen Hawking
O científico británico Stephen Hawking foi galardoado co Premio Fonseca de divulgación científica que outorgan, por primeira vez, a USC e o Consorcio de Santiago dentro do programa 'Conciencia'. Hawking, coñecido polos seus traballos sobre o universo e os buratos negros, xa confirmou a súa asistencia á cerimonia de entrega.
O premiado, que ocupa dende hai 37 anos a cátedra Lucasiana de Matemáticas da Universidade de Cambridge, manifestou que lle gustaría acudir á capital galega acompañado da súa filla e do seu neto. Porén, aínda non se coñece a data exacta da entrega de premios, prevista para este ano.
O obxectivo do premio Fonseca é "recoñecer a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia" e a capacidade de "mostrar á sociedade a necesidade e a beleza do coñecemento de xeito sinxelo e atractivo".
Formaron parte do xurado desta primeira edición do premio o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o catedrático de Física teórica da USC, Carlos Pajares; o director de programas do Consorcio, Xosé Denis, e o director do Planetario de Pamplona, Javier Armentia, entre outros.