Análise de Alberto Vila, xerente da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galiza.
Na encrucillada é xustamente onde se atopa o sector nestes intres pola desorbitada suba que vén experimentando o prezo de gasóleo en surtidor, que atinxe un incremento de 0,27 euros/litro no que vai de 2008, o que en termos porcentuais supón un 25%, en só cinco meses. E as previsións non son certamente alentadoras; seguindo liñalmente a tendencia alcista que vén marcando o prezo do barril de crú, xa hai prediccións que falan de rematarmos o ano en curso ben preto do 1,70 euros/litro no prezo de venda en surtidor, o que significaría practicamente dobrar o importe en a penas dous anos (en xaneiro de 2007 estábase a 0,90 euros/litro).
Mais non é o gasóleo o único vector de incidencia no sector na actualidade. Cómpre dicir que o ciclo económico global actual, claramente recesivo, desde logo tamén incide no transporte e o descenso do volume de cargas é notorio, particularmente nos máis importantes centros de carga e abastecemento a nível estatal, nos principais fluxos de mercadorías cara Europa e mais nas actividades de transporte auxiliares do eido da construción.
O transporte de mercadorías por estrada é un sector de actividade no que a Administración ten unha intervención ou regulación directa en ámbitos tan importantes como a incorporación de novas empresas ao sector, as autorizacións de transporte, as limitacións nos tempos de condución e repouso de condutores profesionais, etc.; en troques existe unha liberalización absoluta no tocante ás tarifas polo servizo, quedando xa que logo o sector ao equilibrio, neste caso perverso, das curvas da oferta e a demanda. Por conseguinte, esta liberalización de prezos é a que posibilita que, nun escenario económico de descenso do volume global de cargas, os prezos tendan á baixa, chegándose incluso a traballar case obrigadamente en moitos casos por debaixo dos prezos de explotación, apesar do meteórico crecemento do prezo do combustible. Éntrase entón nunha dinámica suicida de afogamento económico progresivo das empresas, a calidade do propio servizo de transporte devece substancialmente e, no medio prazo, aquelas cunha menor solvencia económica vénse na obriga de reduciren flota para poder sobrevivir ou mesmamente rematar pechando.
Polo tanto, xa non é que os transportistas teñan máis ou menos dificultades para repercutir nos seus clientes as continuas subas no prezo do gasóleo, senón que en moitos casos se ven obrigados a negociar os prezos á baixa ante a falta de traballo.
Neste contexto, non podemos máis que loitar contra o fenómeno do dumping, loitar por evitar que os transportistas se vexan na obriga de traballar cuns prezos ruinosos por debaixo dos seus propios custos de explotación. A propia Lei de Ordenamento do Transporte Terrestre (ROTT) establece literalmente no seu artigo 19 a necesidade de que as tarifas de transporte público e das actividades auxiliares e complementarias do transporte cubran a totalidade dos custos reais en condicións normais de produtividade e organización.
Velaquí é precisamente onde demandamos accións concretas por parte da Administración, que non pode ficar de brazos cruzados nesta situación tan crítica dun sector estratéxico que é básico para un vizoso desenvolvemento e crecemento da economía de calquera país, debendo por tanto intervir con medidas que protexan o noso tecido empresarial. Xa que logo, demandamos do Goberno con carácter de urxencia a regulación mediante lei e as posteriores normas de desenvolvemento que sexan precisas dun novo tipo infractor consistente en sancionar a contratación de servizos de transporte por debaixo dunhas tarifas mínimas de explotación -tarifas antidumping- que deberá publicar e actualizar cunha periodicidade mínima a propia Administración competente.
Aqueloutras medidas que nestes intres se poidan artellar no curto prazo, como por exemplo a redución do tipo impositivo do combustible –abolución incluída do “céntimo sanitario” na mesma dirección en que se ten xa manifestado a UE-, a limitación do número de subcontratacións sucesivas no transporte, o incremento de axudas ao abandono da actividade, o establecemento dun prazo máximo de pagamento após emisión da factura, e outras moitas que se están a plantexar, serán positivas e desde logo apoiarémolas, mais non irán ao cerne do problema que ten hoxe ao transporte na encrucilla.
Este é pois o reto.