O 11,1% dos telespectadores sintonizaron, de media, algunha canle por vía dixital terrestre no mes de maio, dous puntos máis ca en abril.
A audiencia da TDT en Galiza volveu bater marcas no mes de maio e rexistrou a maior subida dos últimos tempos. De feito, subiu dous puntos: pasou do 9,1% de cota de pantalla de abril ao 11,1 do pasado mes. Deste xeito, achégase á media estatal, que acadou o 13,8%, e pasa por diante de dúas comunidades autónomas: Euskadi e Aragón.
Paralelamente, a televisión analóxica acadou outro mínimo histórico, o 71,2%, fronte ao 73,3 do mes anterior. Tamén ascendeu lixeiramente o satélite (do 3,9 ao 4,2%) e baixou o cable (do 13,7 ao 13,5%), que no conxunto do Estado quedou, por primeira vez, por detrás da televisión dixital terrestre.
É previsíbel que nos vindeiros meses se sigan batendo máximos históricos de consumo da TDT e mínimos da televisión analóxica, abocada a desaparecer en menos de dous anos.
A TVG segue en boa forma
Entre tanto, a Televisión de Galicia repetiu en maio o título de segunda canle autonómica con máis audiencia do Estado, só por detrás da andaluza Canal Sur (16%). A Galega acadou o 15,7% de cota de pantalla, unha décima menos ca en abril, pero convértese en terceira canle máis vista do país, ao superar a Antena 3 (15,4%), que baixa sete décimas. Por riba, a certa distancia, estiveron Telecinco (18,1%) e a líder, a 1 de TVE, cun 20,1%.