Os consumidores portugueses promoven un boicot ás gasolineiras. Poden ver aquí unha ironía ao fío da publicidade dunha petroleira sobre a Eurocopa.
Alén de Galiza e España, países como Francia, Italia ou Reino Unido están ofrecendo exemplo estes días de mobilizacións xurdidas en sectores diversos en protesta polo esaxerado incremento no prezo dos combustíbeis. O sector pesqueiro e os transportistas iniciaron xa paros e ameazas de folga indefinida en breve prazo. Desde as asociacións da patronal pesqueira avalían que o incremento continuo dos prezos do fuel implica unha suba en cinco anos de até o 320%, mentres de xeito paralelo os prezos do peixe se reducían significativamente.
A proposta do presidente francés de reducir o IVE cobrado por litro de combustíbel non será asumida pola Unión Europea. Ao respecto, o eurocomisario económico Joaquín Almunia rexeitou a iniciativa, advertindo que de ir adiante estimularía aínda máis a demanda. Na espera de que os gobernos da UE aceleren o deseño dun proxecto común fronte a este escenario, os sectores máis afectados miran xa cara á data do 23 de xuño como día para unha mobilización masiva, coincidindo coa xuntanza en Luxemburgo dos ministros de Agricultura e Pesca.
En Portugal, a situación inclúe unha proposta de boicot ás petroleiras, que circula desde hai tempo por internet e teléfonos móbiles, e que propón aos consumidores que non se acheguen a repostas ás gasolineiras durante os tres primeiros días deste mes de xuño. A iniciativa era vista con temor desde a Associação Nacional de Revendedores de Combustíveis, ANAREC, desde onde o seu voceiro, Augusto Cybrom, explicáballe esta segunda feira á Agência Lusa que ese treito inicial do mes supón en ocasións até o 10% do negocio de moitos estabelecementos de repostaxe. Con todo, Cybrom insiste en que esta proposta de boicot "non ten sentido" xa que na súa opinión "prexudícalle aos concesionarios das gasolineiras, no canto de ás petroleiras". Segundo as primeiras avaliacións da ANAREC, a acción non tería de momento un impacto significativo.
No vídeo a pé destas liñas poden ver como un internauta ironiza sobre a peza publicitaria que a petroleira Galp lanzou aos medios arredor da viaxe da selección de Portugal á Eurocopa.