O deportivista axudou a que o combinado estatal de fútbol indoor (o que se xoga sobre moqueta, e onde se marcan ducias de goles) gañase a Eurocopa.
Nunha final axustada, a selección estatal de futbolistas veteranos conseguiu meter no peto a Eurocopa, após gañarlle a Rusia por 11-10.
O combinado estatal tivo que remontar un partido que os rusos, encabezados por Valery Karpin, querían facer seu, adiantándose no marcador de seguida (aos 14 minutos de xogo xa ían 0-4). Na segunda metade, cando os rusos gañaban por dous goles, chegou Fran, e a súa zurda, e igualou o marcador. A piques de terminar o encontro, no tempo de desconto, Fran volveu aparecer para non desaproveitar a oportunidade de igualar, mais unha vez, os goles de Rusia. Nos dez minutos de prórroga que viñeron despois chegou o gol do desempate, o 11. Fran foi escollido como o mellor xogador do torneo.
Despois de Rusia quedou Portugal, seguida de Italia e Holanda.
E tamén... a I Copa Estatal de Fútbol Indoor
A primeira Copa Estatal de Fútbol Indoor hase desenvolver os vindeiros días 5 e 6 de xuño na Coruña, no Pazo Municipal dos Deportes de Riazor. Neste torneo enfróntanse o Deportivo, Real Madrid, Barcelona e Valencia , os catro primeiros clasificados, por esta orde, na I Liga Estatal de Fútbol Indoor.