Debutan no Estatal o vindeiro sábado 7 de xuño. O seu adestrador, Antonio Rivero, destaca o seu nivel e agarda que cheguen lonxe. Xogan contra Euskadi o primeiro partido.
Esta quinta feira a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, presentaron a selección galega de baloncesto en cadeira de rodas, unha nova irmandiña que debuta nunha competición oficial o vindeiro día 7 de xuño, en Valladolid.
Na presentación tamén estaban o presidente da Federación Galega de Minusválidos Físicos (FGDMF), José Luís Álvarez, e o seleccionador Antonio Riveiro, e varios xogadores. Todos eles manifestaron a súa ledicia polo feito de que a selección vaia xogar o seu primeiro partido oficial, e o adestrador destacou o alto nivel da irmandiña, e dixo agardar que poidan facer un bo papel no campionato, "a pesar de que non tivemos tempo para adestrar xuntos".
"Galiza é unha das grandes favoritas"
Ánxela Bugallo salientou que "Galiza é unha das grandes favoritas" e destacou o gran traballo que se está a facer para conseguir ter cada vez máis xogadores e xogadoras, equipos na elite e, agora, selección: "Este vai ser o primeiro campionato, e espero que moi pronto poida ser un partido internacional", indicou Bugallo.
O Campionato Estatal reúne en Valladolid, os días 7 e 8 de xuño, a sete seleccións, sendo Andalucía a gran favorita. O sábado 7 de xuño, Galiza xogará contra Euskadi, nos cuartos de final, e se pasa, ese mesmo día xogará as semifinais.