O Executivo conta con asesorías xurídicas e con altos cargos que "filtran" os proxectos lexislativos, "como en todo Goberno serio", dixo.
"Teño entendido que con este tema había algunha dificultade de tipo xurídico seria", afirmou esta quinta feira o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para xustificar porque a futura Lei de Vivenda finalmente non prohibirá a figura do alcalde-promotor inmobiliario.
Segundo indicou, o Executivo conta con asesorías xurídicas e con altos cargos que "filtran" os proxectos lexislativos, "como en todo Goberno serio". O departamento consultado, afirmou, debeu determinar que xuridicamente non se podía prohibir esta figura, polo que "o proxecto de lei farase, como debe suceder sempre, de acordo cos informes xurídicos, que teñen que ser necesariamente favorábeis".