Segundo o software creado por James Dow, as crenzas só puideron prosperar pola boa actitude da xente non relixiosa coa relixiosa.
Catedral de Lugo
A relixión é froito da evolución, segundo unha investigación que publica a revista New Scientist. Para chegar a esa conclusión, James Dow, antropólogo evolucionista da Universidade de Oakland, creou o programa informático Evogod, que determina baixo que parámetros pode evolucionar a relixiosidade nunha comunidade.
O software amosa que a relixión prospera se as crenzas se transmiten por unha predisposición xenética e mais mediante a transmisión de información non verificábel, coa condición de que os non crentes axuden os crentes, quizais impresionados pola súa devoción. "Se alguén está disposto a sacrificarse por un deus abstracto, entón a xente pensa que tamén está disposto a sacrificarse pola comunidade", di Dow.
O programa céntrase nos beneficios evolutivos que a xente recibe nas súas relacións cos demais. Dow asumiu que un número reducido de xente tiña predisposición xenética a crer na vida despois da morte e que lla foi transmitindo tanto aos seus descendentes como á xente coa que tiña trato. O modelo estudou o éxito reprodutivo dos dous tipos de xente: os que pasan información real e os que transmiten ideas falsas. Na meirande parte dos casos, os "crentes no irreal" extinguíanse, pero cando Dow engadiu a presunción de que os non crentes se verían atraídos pola xente relixiosa, a relixión florecía.
"Dalgún xeito, os comunicadores de información irreal atraen os demais a comunicarlles información real", di Dow, especulando que os non crentes son cativados pola fe dos relixiosos. O tamén antropólogo da evolución Richard Sosis, da Universidade de Connecticut, xa descubrira que nalgunhas poboacións a xente máis relixiosa recibe máis axuda dos demais ca os menos crentes. Pero as forzas que manteñen a relixión nos humanos modernos poden ser moi distintas das que levaron ao seu nacemento, hai miles de anos. Segundo Solis, os humanos paleolíticos dependían probabelmente máis da súa comunidade: "Hoxe podes ser luterano unha semana e decidir a seguinte que queres ser budista".