Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
"Incumprimentos legais e de prazos"

A APDR denuncia a "política de sometemento a intereses empresariais"

A Asociación pola Defensa da Ría analiza criticamente as Autorizacións Ambientais Integradas concedidas por Medio Ambiente a ENCE e ELNOSA.

APDR - 09:00 28/05/2008

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia ven de facer pública a concesión das Autorizacións Ambientais Integradas (AAI) por un prazo de 3 anos ás fábricas de ENCE e ELNOSA, unha decisión que na Asociación Pola Defensa da Ría entendemos contraria á Lei e que supón un paso máis no camiño cara á consolidación do complexo ENCE-ELNOSA na súa actual ubicación.

En efecto, son moitas as razóns que nos levan a denunciar esta ilegalidade e a afirmar que se trata dunha decisión política e non medioambiental, unha decisión que mesmo entendemos estaba tomada con anterioridade ao proceso de exposición pública da documentación presentada polas empresas ENCE e ELNOSA e que, neste sentido, podería conculcar os dereitos da poboación a alegar contra das solicitudes empresariais.

En primeiro lugar, a Consellería de Medio Ambiente incumpriu os prazos de resolución das AAI, fixados na Lei 16/2002 "de prevención y control integrados de la contaminación", que no artigo 21 establece un máximo de 10 meses para este particular e que engade que transcorrido este prazo sen terse notificado resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude en cuestión; a Consellería de Medio Ambiente tardou uns dous anos en dictar a resolución no caso de ELNOSA e case catro no de ENCE, o que supón un caso claro de inacción por parte da administración.

Doutra banda, e no caso concreto de ENCE, a Consellería admite a trámite unha documentación que non cumpre as esixencias establecidas na Lei; ENCE non presenta o Informe de compatibilidade do proxecto co planeamento urbanístico do Concello de Pontevedra, un informe que non só é preceptivo segundo a normativa, senón que é vinculante e -caso de seren negativo- obrigaría á administración a arquivar as actuacións.

Pero, ademais, ámbalas empresas incumpren a lexislación medioambiental. Tanto ENCE como ELNOSA incumpren o RAMINP (Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas y Peligrosas) que establece unha distancia mínima de 2000 metros ao núcleo de poboación mais próximo, e no caso de ENCE o incumprimento da autorización de vertido é evidente. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Medio Ambiente para os anos 2005, 2006 e 2007, supera os límites establecidos na lexislación para DBO, DQO, Sólidos en Suspensión e Fósforo total.

Así as cousas, queda probada a falsedade das declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente cando di que a concesión das AAI a ENCE e ELNOSA viña obrigada por imperativo legal; a realidade é que esta decisión confirma a política de sometemento da Consellería aos intereses empresariais, unha política que deixa nas mans de ENCE a decisión de buscar nova ubicación ou permanecer na Ría.

Pero a decisión ten tamén moito de manobra electoral. Se realmente houbera vontade política de resolver o problema que supón a presencia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán, se houbera vontade de cumprir o acordo programático asinado polo BNG e o PSOE ao chegar ao goberno autonómico, teríanse dado pasos nese sentido desde o principio da lexislatura. E o goberno galego non fixo nada por poñer fin á situación. Coa concesión das AAI por 3 anos tentan facer crer que están a cumprir o acordo e mellorar a imaxe cara ás vindeiras eleccións autonómicas, pero a realidade é que están a consolidar o complexo ata finais do 2011 e non existe ningunha garantía de que non vaian ser renovadas ao rematar este prazo.

Na APDR denunciamos a política continuista da Consellería de Medio Ambiente coas actuacións do anterior goberno do Partido Popular, e esiximos a dimisión inmediata do conselleiro como responsable das consecuencias de manter as instalacións de ENCE e ELNOSA ao carón de importantes núcleos de poboación.

Xa por último, queremos expresar os nosos parabens ao alcalde de Pontevedra pola súa coherencia na defensa dos dereitos da poboación a ver libre a Ría do seu principal foco de contaminación, e denunciar a actitude hipócrita do Partido Popular, que ao tempo que di estar en contra da presencia do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán, aplaude efusivamente a concesión das AAI a ámbalas dúas empresas.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: