Posicionamentos contra o aborto, contra o casamento de homosexuais ou reforma constitucional que suprima a expresión "nacionalidades"
Ao tempo que se achega a data do XVI Congreso do PP, vanse facendo públicas as emendas aos relatorios elaborados para esa cita. Este mesmo luns coñecíase a asinada entre outros polo eurodeputado Alejo Vidal-Quadras. Trátase dun documento que opina por exemplo que nos últimos anos se agravou "o problema histórico que representan os nacionalismos para o mantemento da unidade de España e a aparición de innegábeis fendas na cohesión nacional".
O texto convida ademais ao PP a pactar co PSOE unha reforma parcial da Constitución que é vista como "única alternativa posíbel fronte á pretensión de transformar a nación española nunha confederación de nacións cuasi-soberanas paso previo á súa definitiva fragmentación". De xeito concreto, proponse que se suprima da Constitución a palabra "nacionalidades", argumentando especificamente contra a idea de "Estado plurinacional".
Por outra parte, fálase de que en Cataluña, Euskadi e "en menor medida en Galiza, Canarias e Baleares", existen partidos nacionalistas "claramente separatistas" e nalgúns casos "manifestamente antidemocráticos (ANV, PCTV)" e critícase que todos eles no momento en que exerceron funcións de goberno afondaron na procura dunha "progresiva relación de bilateralidade co propio Estado, antesala da secesión". Nesa liña, propoñen tamén unha reforma do sistema electoral.
O documento complétano referencias ao castelán "como lingua vehicular" precisando que "sen prexuízo da cooficialidade das restantes linguas españolas". Tamén referencias opostas ao casamento entre persoas do mesmo sexo e contra o aborto.