A deputada socialista Marisol Soneira insiste en que as acusación teñen orixe nunha montaxe do PPdeG.
María Isabel Blanco, a emigrante retornada que supostamente fixo de axente electoral do PSdeG en Arxentina, compareceu este mércores diante da comisión parlamentaria que investiga se se destinaron fondos públicos para campañas electorais no exterior. Blanco sostivo que semanas antes das últimas eleccións municipais fixo campaña en Bos Aires traballando ás ordes do actual alcalde de Muxía, Félix Porto (PSdeG).
Blanco sinalou que “Félix Porto díxome que estaba contratada para facer campaña e que estaba baixo as súas ordes”. A axente electoral cualificou de “53 días sinistros” a súa etapa na capital arxentina. María Isabel Blanco afirma que recibiu 2.500 euros por ir casa a casa pedindo o voto para o actual alcalde de Muxía.
A suposta axente electoral insistiu que foi a deputada socialista Marisol Soneira a que lle facilitou o billete de avión. Porén, a suposta axente electoral dixo que non sabía se foi a deputada socialista a que tramitou o billete diante da Secretaría Xeral de Emigración, departamento que financiou o voo.
Pola súa parte, Marisol Soneira dixo que as acusacións teñen que ver cunha “trama” que alimenta o PPdeG. Soneira sinalou que tramitou o billete da suposta axente electoral pola súa situación de precariedade económica.