Os dous galegos xa teñen o pase para as Olimpíadas, mais non Pilar Hidalgo. Moita rivalidade na vindeira proba da Copa do Mundo.
O podio da proba en 2007
Un dos mellores elencos deportivos da tempada internacional de triatlón hase xuntar este domingo en Madrid na proba da BG Copa do Mundo. A competición é, ademais, a proba número 200 da Copa do Mundo e a última puntuábel para a clasificación olímpica para Beixín 2008, daí o número e o importante nivel dos participantes, que han loitar polo pase directo as Olimpíadas.
A cita madrileña ha xuntar a catro campións do mundo: o galego Iván Raña, a portuguesa Vanessa Fernandes, o suízo Oliver Marceau e o británico Tim Don. Tamén han estar dous gañadores da BG Copa do Mundo: o galego Javier Gómez Noya e, outra vez, Vanessa Fernandes. E unha galega máis (e xa van tres), que é unha das 16 persoas que forman a selección estatal: Pilar Hidalgo.
Gómez Noya e Raña tentarán repetir podio
A competición masculina, con Javier Gómez Noya e Iván Raña á cabeza comezará ás 13:00 horas, e promete unha boa actuación dos dous galegos, que chegaron ao podio nos dous últimos anos. Noya terá a oportunidade, ademais, de desquitarse, xa que o ano pasado perdeu o primeiro posto contra o checo Filip Ospaly (que este ano non participa) no sprint final.
O ferrolán defende o título da BG Copa do Mundo e encabeza a listaxe de clasificación olímpica, cunha traxectoria, no que vai de tempada, impecábel: dous primeiros postos nas únicas dúas probas da Copa nas que participou (en Mooloolaba, Australia; e en New Plymouth, Nova Zelandia). Só errou un chisco no Europeo de Lisboa, cun sétimo posto. Mais Gómez Noya vai ter que se enfrontar a triatletas da talla dos británicos Tim Dom (primeiro na clasificación xeral da Copa del Mundo) e William Clarke; do suízo Oliver Marceau, do alemán Maik Petzold ou do ucraíno Volodymyr Polikarpenko. Mais tamén pode ser que o seu principal adversario este ano na casa, como demostrou Iván Raña en 2007, cun brillante terceiro posto.
Polo seu lado, Raña ten este domingo unha nova oportunidade para demostrar que vai ir con optimismo a Beixín (xa está clasificado, xunto con Gómez Noya). O de Ordes está nun bo momento de forma, como demostrou en Lisboa hai quince días.