Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo final antes de fin de ano

A reforma agraria da UE botará fóra das axudas o 30% dos actuais beneficiarios

A Comisión Europea fala de "simplificar, racionalizar e modernizar". Os sindicatos falan de grave ataque á agricultura.

Redacción - 17:35 21/05/2008

Loitar contra o cambio climático, facerlle fronte ao incremento do prezo dos alimentos ou repensar as elevadas sumas a inxectar nas explotacións dos grandes terratenentes foron algúns dos argumentos cos que a Comisión Europea insinuou traballar cara ao deseño desta reforma da Política Agraria Común, a PAC. Pero na práctica, os sindicatos agrogandeiros xa advertiron de que a negociación está respondendo a outros intereses e prioridades ao tempo que dubidaron de que a UE teña interese en converter en sector realmente estratéxico ao agrogandeiro.

A reforma suprimirá os subsidios por baixo dos 250 euros por explotación e naquelas con superficies menores a unha hectárea. Tres de cada dez dos actuais labregos e gandeiros que se beneficiaban das axudas directas quedarán así, segundo os cálculos da Comisión Europea, fóra do sistema. A nivel de toda a Unión Europea, o pau caerá así sobre os petos de arredor de dous millóns de propietarios no rural. A propia comisaria de Agricultura da UE, Mariann Fischer Boel, recoñeceu o impacto da medida, malia que na súa opinión o feito de que se elimine unha fonte adicional de ingresos para moitos labregos "a tempo parcial" faría que "non teña impacto significativo no emprego agrícola".

A posición máis radical é a do Reino Unido, desde onde o actual goberno propón explicitamente a supresión de todas as axudas directas aos agricultores. A paradoxal argumentación que o propio ministro de Economía británico chegou a facer sostiña que coa subida dos prezos dos alimentos, os labregos deixan de necesitar as inxeccións económicas da UE.

No outro lado, os labregos advirten de que a incerteza creada nos mercados agroalimentarios fará máis necesaria ca nunca o compromiso da UE co sector. A nivel estatal, por exemplo a Unión de Pequenos Agricultores, UPA, que integra a Unións Agrarias, reflexionaba esta mesma semana nun comunicado que as propostas coas que traballa a Comisión Europea "responden unicamente á obsesión polo control orzamentario e ao abandono das políticas comúns, de costas á situación que se está creando nos mercados internacionais". Sinalan desde este sindicato os grandes desaxustes entre a oferta e a demanda, e falan de "tensións insoportábeis nos prezos dos medios de produción e as materias primas nos mercados internacionais".


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: