Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
COMEZA O FESTIVAL DE CANS

Galiwood recibe as súas estrelas

A quinta edición do certame cinematográfico arranca cunha sesión dedicada aos veciños da aldea porriñesa.

Redacción - 11:30 22/05/2008

Este mércores arrincou o quinto Festival de Cans, que non se desenvolve na Costa Azul francesa, senón no Val do Louro, a capital de Galiwood. O certame cinematográfico máis popular recupera, até o sábado, o glamour enxebre dos chimpibuses, dos alpendres como locais de proxección, das alfombras nos carreiros e, sobre todo, da festa.

As dez salas desta edición será tres alpendres, dúas adegas, dous baixos, unha casa abandonada, unha lareira e un galpón, e nas poderanse ver as mellores curtas do país dos últimos anos, ademais das producións máis frikis. Como novidade, habilitarase unha "sala multiusos", onde se proxectarán novas propostas e linguaxes, e no baixo de Moncho veranse longas, documentais e pezas chegadas do Shoot-Me Film Festival da Haia, como certame convidado.

A aldea de Cans transfórmase unha vez ao ano na sede do festival cinematográfico, que tamén efectuará proxeccións na vila do Porriño, onde xa se desenvolveu un ciclo de cine durante o mes de maio. O festival está organizado pola Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e de Mos, e coordinado polo guionista Alfonso Pato.

A xornada do mércores 21 estivo dedicada aos veciños de Cans. Así, ás nove e media reestreouse no baixo de Moncho a curta Río de Sombras, de Daniel Domínguez, coa presenza dos protagonistas. Despois proxectáronse fotos antigas do lugar e estreouse a curta Do soño ao esquecemento. O túnel do tranvía de Mondariz a Vigo.

O xoves 22 proxectarase no Porriño, ás sete da tarde, Periféricos, seguido dun coloquio sobre o tema do documental, os anos da movida, con Jesús Ordovás, Miguel Costas, Bibiano Morón e os directores Tamara Blanco, Carlos Méndez e Xosé Holgado.

No Círculo Recreativo Cultural da vila producirase o tradicional desfile de chimpíns, coas estrelas do festival, a partir das oito e media. Xusto despois, terá lugar a estrea mundial da longametraxe Cartas italianas, de Mario Iglesias, que estará presente, xunto cos protagonistas do filme. Xa ás once da noite, no Pub Chimenea, será o concurso de videoclips, presentado por Miguel Fernández, e que servirá para estrear o clip Baja el pantalón, de Miguel Costas. Jesús Ordovás ofrecerá unha sesión musical á medianoite.

O venres 23, as actividades desenvolveranse en Cans, onde, entre moitas outras proxeccións, estrearase o videoclip Biocultivos, de Sacha na Horta, grupo gañador de A polo ghit 2007, con dirección de Manu Viqueira.

A programación completa do festival pódese consultar na súa páxina web. Ademais, este ano creouse un blog onde se vai dando conta de todo o que rodea o certame.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: